Martín Rivas nunca tivo contacto co máis alá, pero será o protagonista da próxima serie paranormal de Telecinco El don de Alba. O actor encarnará a Pablo, un pragmático médico que se namora de Alba, unha rapaza que axuda aos espíritos que habitan no mundo dos vivos a pasar felizmente a mellor vida.
-«El don de Alba» é un «Entre fantasmas» á española. ¿Cre nos fantasmas?
-Non tiven ningunha experiencia directa que me leve a pensar que existen. Mais dramaticamente a interacción entre o acá e o acolá ofrece moitas posibilidades. O tema desta serie, se o miras de forma illada, ten bastante de Cunqueiro.
-«El internado», «El barco», «Calenda»..., agora «El don de Alba». Os fenómenos paranormais están xa asimilados na ficción nacional.
-A incorporación prodúcese porque nos últimos anos houbo unha evolución tecnolóxica notable. Por limitacións técnicas e de orzamento, antes as series estaban circunscritas ao costumismo realista. Agora é posible dispoñer de efectos especiais de calidade, e os guionistas incorpóranos as tramas.
-Tamén estivo facendo «Drácula» no teatro, en Madrid. Gústanlle as historias de medo...
-Si. Moito. Sobre todo as de vampiros financeiros e de banqueiros chucha sangue.
-¿Cómo foi o seu debut teatral?
-Unha experiencia inesquecible. Malia que profesionalmente nunca fixera teatro, non me sentín coma un recén chegado. Foi coma se leváramos anos camiñando xuntos.
-¿Que supón para vostede o personaxe de «El don de Alba»?
-Unha oportunidade estupenda para seguir medrando coma actor e asumir novos retos. Na serie conviven drama e comedia e iso ofrece moitas posibilidades.
-¿Gustaríalle traballar máis en Galicia?
-Por suposto. Levo cinco anos fóra e estou desexando voltar. Mais polo de agora non se deu a oportunidade. Teño unha necesidade vital de actuar en galego. Cando o fago en castelán teño a sensación de que aínda non acadei unha voz propia, máis cando o fago en galego sinto que son sempre eu quen fala.
-Pasa por ser un dos rostros máis atractivos da televisión. ¿Cómo se vive na pel dun ídolo?
-Cunha frase moi coruñesa: «Tranquilo, como Amancio».
-¿Segue sen ler o que se di de vostede en Internet?
-A miúdo vénseme á cabeza unha escena na que, antes de deixalo só na casa, un pai X dille a un fillo Y: «Non lle abras a porta a ninguén. Non contestes se chama un estraño. E non busques o teu nome na Internet».
-Acaba de facer un máster de teatro clásico en Londres. ¿Que lle aportou?
-Foi unha das experiencias máis bonitas e produtivas da miña vida. Estou profundamente agradecido á Fundación Barrié por terme elixido entre os seus bolseiros. Estudar a Shakespeare na Central School of Speech and Drama é unha das cousas máis gratificantes que lle poden acontecer a un cómico.
-Foi un dos protagonistas do polémico anuncio de Loewe. ¿Sorprendido polo escándalo?
-Malia que sigo nos vinte e tantos, isto dos TT e Twitter é un mundo descoñecido para min. Sorprendeume a polémica. Por aquel entón levaba case dous meses sen chover en España. Os campos estaban secos. Mentres estaba no escenario interpretando Drácula, algún choino rouboume a motiño scooter que tiña aparcada preto do teatro. Deixoume sen burra. Iso era no que pensaba naqueles días. Como se di nas derradeiras palabras de Hamlet, «the rest is silence» (o resto é silencio).
martín rivas actor