«Puri ten esa parte pinchona, como un House de aldea»

A actriz explica que o público se identifica con ela porque é «loitadora»

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Covadonga Berdiñas ten cariño polo seu personaxe, Puri, na serie Padre Casares. Ela coñécea mellor ca ninguén e cre que transmite unha imaxe que esconde moitas cousas.

-¿Como é Puri, segundo vostede?

-É unha muller como moitas en Galicia, tanto por quedar viúva ou por quedar soa mentres o seu marido está no mar ou emigrou. Ela queda cos tres fillos. É dura, esixente cos fillos, cando ten que estar con eles. Pero xa demostrou algunhas debilidades. No caso do fillo gai, primeiro tomouno como unha deshonra, pero logo acabou facendo pancartas. Ela está acostumada a tirar do carro, sempre soa.

-¿Esa debilidade quere dicir que esconde algo?

-Quédannos por saber cousas do pasado de Puri, porque non sempre foi amargada, non sempre foi como agora. Pero nos próximos capítulos vanse saber cousas sobre ela que van cambiar a imaxe que temos dela e quizais xustifiquen un pouco o seu carácter. Pero ela non é tan mala como aparenta nin tan mala como quixera.

-¿Como casa esa seriedade do personaxe coa comicidade da serie?

-Como na vida mesma, sempre hai que mirar o lado cómico. Aínda que parece que non, sempre hai un lado cómico. A min o que me preocupaba era iso, poder darlle un lado cómico a una muller tan rosmona, pero Puri ten demostrado capacidade para ser unha caralleira, o que pasa é que a vida non a deixa.

-¿Como foi madurando o personaxe?

-Foi asentando, aceptando as cousas que lle pasan. Comparta ou non comparta cos demais, vai aceptando, é menos intransixente con que todo o mundo non sexa como ela. Incluso coa súa inimiga Elsa tivo momentos de solidariedade e de cariño. Ela sempre foi de armas tomar, pero agora é máis tolerante.

-¿Que din os espectadores dela?

-Sempre me din: non sexas tan mala. A pesar de todo iso é un personaxe querido. Creo que a xente se identifica moito con esa muller loitadora, esa parte de supervivente enténdea, ten esa parte pinchona, como un House de aldea.

covadonga berdiñas puri en «padre casares»

Puri, en primeiro termo na imaxe, tivo que educar soa aos seus fillos e é moi esixente con eles
Puri, en primeiro termo na imaxe, tivo que educar soa aos seus fillos e é moi esixente con eles