«Un telexornal é un programa e polo tanto debe ser entretido»

Jesús Manuel García OURENSE

TELEVISIÓN

SANTI M. AMIL

Entrevista Natural de Pol (Lugo), Jenaro Castro falou onte nun curso de verán en Celanova sobre o seu espazo semanal e a súa idea sobre o que deben ser os informativos

12 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Castro Muíña interveu na xornada de onte no curso audiovisual que se desenvolve en Celanova en colaboración co Consorcio do Audiovisual de Galicia e da Fundación Carlos Casares. -O seu programa, «Semanal 24 horas», é motivo de análise. -É un informativo con vocación semanal, pero con formato de telexornal, e subliño isto. -Vostede ten unha traxectoria longa en informativos. -Iso levo facendo en toda a miña carreira en Televisión Española e nos últimos dez ou doce anos en primeira liña facendo telexornais a esgalla. Iso acabouse, houbo un parón e encargáronme novos proxectos, un deles foi este. -Un informativo semanal que aguantase a carón doutros clásicos como «Informe Semanal». -Tiña que facer algo distinto e decidín que podería ser unha boa idea facelo con formato de telexornal. É un produto sinxelo, con moi poucos medios, pero que resulta digno. O resultado é óptimo. Estase dando no Canal 24 Horas, tamén en La Primera e no Canal Internacional. -¿Cal é a súa visión dos informativos? -A competencia é feroz, insoportable. E eu defendo que un telexornal é algo máis que unha exposición de noticias segundo o criterio xornalístico de máis a menos. Un telexornal creo que é un programa e polo tanto debe ser entretido, debe ter entretemento, débese deixar ver. E debe ter ritmo e ser sinxelo. Para o gran público a sinxeleza permite comunicar e chegar mellor. Os telexornais que facemos en TVE obedecen a un equipo que apostou por unha fórmula, pero que non acabaron de resultar. Hai que buscar novos parámetros. Un telexornal ten que ofrecer outros aspectos da realidade informativa que faga descansar ao espectador. -O semanal seu ten algo que gusta, unha fiestra á televisión do pasado. -Parecíame unha boa idea aproveitar o arquivo de TVE e facelo como sección fixa. O segredo atópase en que se conta algo da semana que resumo, pero que se emite tal como hai 30 ou 40 anos. Esa sección ten éxito e os telexornais da fin de semana adoptaron a idea. Tivo éxito tamén La tele de tu vida , de Hermida, un dos meus pais televisivos. -¿Que recordo lle queda de traballar con Dona Letizia? -Teño un recordo moi agradable porque a idea que eu gardo dela é a dunha profesional darriba abaixo, con moitísima disciplina laboral e cunha gran ansia por mellorar. Foi unha experiencia irrepetible porque non todo o mundo ten a oportunidade de traballar cunha muller que sería princesa. Iso forma parte da miña carreira que teño que gardar como un tesouro.