«Ruído», unha crónica de Murado sobre a guerra

TELEVISIÓN

FEHIM DEMIR

A Biblioteca 120 achega un conxunto de relatos baseados no conflicto da antiga Iugoslavia Con gran economía de medios, o autor amosa neste libro o seu dominio do relato curto. Lecturas cualificadas:

08 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Creo que para algúns xa é case un tópico dicir que a guerra do Golfo foi a da televisión. A definición pode ter sorte e chegar a ser aceptada, o cal nos pode colocar diante dalgunha pregunta: por exemplo, ¿tamén foron fundamentalmente televisivas as outras guerras que tiveron lugar na mesma data cós ataques no Pérsico? Sen coñecer as respostas, a un parécelle preferible esquecer a vertixe das imaxes encadeadas sen solución de continuidade nin vontade de reflexión e pensar que a guerra é sobre todo un conflicto que afecta ós seres humanos. E un cre que o punto de partida de Miguel Anxo Murado para escribir Ruído non está moi lonxe desa idea. Cunha alternancia de voces que unhas veces falan en primeira persoa e outras en terceira, Murado presenta tódalas caras do horror e as reaccións que provoca en tódalas partes. Aquí non hai espacio para a épica, pois os soldados estranxeiros son, coma no relato Zoolóxico , adolescentes «ambiciosos de cartos, de brutalidade ou dun soño disparatado». Tampouco o hai para o punto intermedio, como lle ocorre á protagonista de Grandes cambios no último minuto , obrigada a confesar que leva soldados no mesmo camión no que transporta axuda humanitaria. O que hai nos trece relatos é espacio para unha ollada lúcida e fría, lonxe do cinismo e da indiferencia. Despois de lérmolos, pouco nos importa que a guerra do Golfo ou calquera outra dese tempo fose ou non a da televisión, porque Ruído confirma que calquera guerra pode ser a nosa. Pero o libro tamén nos amosa o dominio do relato curto conseguido polo autor e a súa capacidade para crear -velaí Francotiradores - sensacións estarrecederas cunha gran economía de medios.