Patrocinado por:

«As empresas piden que analicemos sentimentos»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

OCIO@

XOÁN A. SOLER

«Os nosos produtos traducen, corrixen, resumen, conxugan e axudan para escribir e para facilitar o ensino», afirma

31 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

spin-off Cilenis, empresa promovida por filólogos e informáticos, iniciou a súa actividade desde a USC no ano 2011, co obxectivo de achegar tecnoloxía e ferramentas para a análise lingüística e para un mellor uso dos idiomas galego, castelán, portugués e inglés. Tras catro anos dedicados a investigar produtos e procurar vías de financiamento, onte presentou unha nova fase «que estará máis centrada na comercialización», afirma o seu director, Isaac González.

-¿Que resposta tiveron no mercado?

-En linguakit.com está toda a tecnoloxía lingüística que utilizamos. Temos moita demanda de produtos de uso gratuíto. Os máis coñecidos son os conxugadores, algúns con máis de 100.000 descargas. Tamén comezamos a ter un volume interesante de pago por utilizar algunhas ferramentas.

-¿Quen usa os seus produtos?

-Persoas e empresas. Hai moitas descargas orientadas á corrección na escrita dos teléfonos móbiles. Tamén nos chama moito a atención como as empresas piden que analicemos sentimentos.

-¿Como é iso?

-Piden que analicemos se hai un sentimento positivo, negativo ou neutro dun produto determinado por exemplo en Twitter, ou noutras redes sociais. Tamén nos solicitaron que comprobásemos se se transmitían sentimentos negativos en textos grandes ou en inglés, e en mensaxes de correo electrónico. O analizador de sentimentos que temos en Linguakit foi moi ben valorado en concursos internacionais, e está entre os primeiros en idioma español. Tivemos demanda local e do exterior.

-Tamén se introduciron no ámbito do Big Data, ¿como valora esa experiencia?

-O Big Data consiste basicamente no tratamento de moitos datos de Internet. Hai tres ámbitos principais: a recollida, a análise e a explotación deses datos. A nosa empresa está sobre todo especializada na análise; e fixemos tamén algo de recollida.

-¿Que estratexia seguen para entrar e avanzar no mercado?

-En linguakit.com está todo o que facemos, é un demostrador do que facemos, para buscar clientela. Os nosos produtos traducen, corrixen, resumen, conxugan e axudan para escribir e para facilitar o ensino. Teñen utilidade para a vida de moitas persoas. En breve teremos tamén dicionarios.

-¿Como lle venden a outras empresas?

-Temos Cilenisapi, para a venta directa de servizos de Software, onde as empresas pagan polo que usan. Non vendemos unha licenza ou programas de elevado custo: deixamos acceder a servizos e que paguen segundo a demanda.

-¿Que orientación teñen os produtos que elaboraron para o ensino?

-O obxectivo é facilitar a aprendizaxe de linguas, para que o alumnado se poda autoavaliar e que os docentes aforren tempo, por exemplo na corrección. Nese campo terá maior impacto Avalingua, un proxecto que precisa financiamento para se desenvolver máis, aínda que xa se comeza a utilizar.

-¿Ven moita distancia entre a investigación e o mercado?

-Si, moita máis da que pensabamos. Subestimamos moito o tempo necesario para ultimar produtos, iso fixo que proxectos que tíñamos pensados para un ano tardasen máis. Só agora temos produtos máis maduros, por iso nos imos centrar máis na comercialización. A experiencia até aquí foi dura, houbo que traballar máis do esperado e superar certa incomprensión coas tecnoloxías da lingua e coa innovación, a pesar de que fixemos moito esforzo pedagóxico. Agora confiamos nos resultados, persoais e tamén económicos.