O sector do libro ponse de gala o 20 de maio

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Mauricio Dueñas Castañeda | EFE

Nun acto en Santiago premiará os mellores proxectos do 2016 e tentará saír da «resistencia cultural»

28 abr 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

«A suma de esforzos non dá outra suma, dá unha multiplicación», lembraba onte Cesáreo Sánchez no Teatro Principal compostelán. A conta cadrará, seguro, o próximo 20 de maio, cando a suma de editores, librarías e escritores multiplique a visibilidade dun «ecosistema» que está «na resistencia cultural», tal e como o definiu Xosé Ballesteros, presidente dos editores galegos, que puxo o acento sobre a unión entre tres asociacións que ata hai pouco traballaban por separado para poñer en valor un sector, o do libro, que non está no seu mellor momento.

A Gala do Libro, que aproveitará o «poder simbólico da capital», Santiago, servirá o próximo 20 de maio como gran escaparate da produción editorial en galego do 2016, como un acicate para lembrar o que non se leu e tamén o que hai que reler. Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, lembrou que o ano pasado a edición en galego caeu un 13,1 %. Recoñeceu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que a situación do libro galego é «mellorable» pero chamou a converter esa maior lectura por parte da sociedade nun «vector favorable cara a lectura de libros».

Esta cita festiva, a Gala do Libro, ten ese obxectivo. E tamén o de festexar que «somos animosos porque estamos vivos», afirmou Ballesteros. Será, ademais, un primeiro paso para «saír desa resistencia na que andamos», segundo cre Antón Pedreira, representante das librarías de Galicia.

Haberá premios en case unha ducia de categorías, cuxos finalistas foron escollidos a través dun sistema de votación telemática polos socios das entidades que representan os tres piares do sector: autores, editores e libreiros. Agora será un xurado especializado o que escolla aos vencedores que se coñecerán nunha gala conducida por Iria Pinheiro. O premio á escritora galega universal é este ano para Hélia Correia, a romancista e poeta portuguesa premio Camões 2015, e que lembrou hai pouco que a literatura non salva, pero que «de ela se extinguir, extínguese todo».