Quico Cadaval: «Representar a Valle-Inclán en galego contribúe a crear un teatro nacional»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

MARTINA MISER

A primeira escenificación en lingua galega dunha peza do autor arousán terá lugar esta noite en Santiago

03 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe será «a fin dunha anomalía», como afirma o director teatral Quico Cadaval. Ás 20.30 horas, no teatro Principal de Santiago, unha compañía profesional, Producións Excéntricas, representará por primeira vez en galego unha peza de Valle-Inclán: A cabeza do dragón. Cun elenco de oito artistas dirixidos por Cadaval, xa ten pechadas unha trintena de funcións ata o mes de outubro en Galicia e Portugal. 

-¿O obxectivo era ser os primeiros? ¿Supón isto unha maior responsabilidade?

-Non somos competitivos, porque puido haber outras oportunidades -non moitas porque só dende o 1 de xaneiro se podía facer-. O que importa é a alegría de poder facelo, porque é un autor que cambiou o teatro contemporáneo, que é difícil de representar e, para acertar, hai que facelo moitas veces. Nós o que tivemos foi a coraxe de comezar.

-Fala da dificultade, ¿cal é?

-Nesta obra é o ton, a cuestión estilística, que está a medio camiño entre formas modernistas, exotizantes, melodramáticas e as esperpénticas e burlescas. Simplemente axustar iso é un desafío artístico moi interesante, desde a dirección e desde a actuación. 

-A representación en galego de Valle-Inclán sempre foi un obxectivo. O CDG quixo arrancar a súa andaina no 84 con «Divinas palabras» e non puido ser.

-Si, pero non foi posible porque non o autorizaban os que ostentaban os dereitos. Só era esperar a que mudaran de idea ou que se lle expiraran os dereitos, e expiráronlle, o que é unha alegría para nós.

-¿Que significa representar a Valle na nosa lingua? ¿Que supón para o teatro galego?

-É un autor que nos parece importante dentro do século XX e que, por unha serie de circunstancias, foi pouco representando. Entón, como desafío artístico é moi interesante, porque hai moitísima xente que foi influída pola súa lectura, pero moi pouca pola súa representación. Nós estamos construíndo un teatro nacional e iso consiste en que teñamos na nosa lingua un repertorio amplo. Entón, representalo en galego contribúe á creación dun teatro nacional. Por iso fai falta facer máis Valles, case sería obrigada unha peza, senón todos os anos, cada dous, ata completar a súa dramaturxia, porque o teatro non vive completamente ata que non se representa nas táboas. Creo que falta un compromiso público para facer unhas Comedias bárbaras, que son unha maneira de explicar o noso país. 

-Cando se estreou «A cabeza do dragón», en 1910, Valle afirmaba que fora una interpretación «moi discreta». ¿Que lle gustaría que dixera do seu espectáculo?

-Escribiu unha peza que é unha farsa, polo tanto, aproxímase moito ao carnaval. Entón, o que me gustaría é que saíse cun cabezudo de dragón a bailar ao final.

-Despois do seu Valle en galego, virá o do Centro Dramático Galego. O cambio de director, as críticas ao proceso de contratación, ¿poden afectarlle?

-Son dúas obras moi boas, por certo. O proceso de contratación de actores é un absurdo, penso que ese é o único problema, o outro son todos efectos secundarios. A causa é que non hai un interese político en que poidamos ter unha actividade artística normal, como en outros países. Se houbese interese, só habería que facer unha lei moi simple. Ten un reparto moi interesante, podían ser quince, en vez de dez; pero iso xa é outra cousa, ten que ver co compromiso público, se nos consideran unha lacra ou unha riqueza da sociedade. En canto se aclaren con isto, todo irá mellor.