O mestre Don Olimpio

David Otero

DEZA

24 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Esencialmente e fundamentalmente foi mestre. Toda a súa actividade, facer e creación, estivo presidida pola sustantividade da educación. Non foi un simple funcionario do ensino.

Viviu a educación como xeito de abrir camiños, de alumar vidas e horizontes, e establecendo na liberdade a pluralidade de referentes para conductas e actitudes que consolidan o sentir liberdade. Sempre mantivo a idea de levar consigo, a carón e nunca en fronte, a persoas, a nenas e nenos, a mozas e mozos, e non simplemente alumnado. Por iso el mesmo nesa tarefa común compartida, ensinando, aprendeu dúas veces.

As mellores competencias

Potenciou a aprendizaxe como disposición, como recepción consciente e así comprensivamente constructivista. Niso os afectos, as familiaridades, o de cerca, sempre foi un vínculo de diálogo, palabra da lingua nosa, a galega, por medio e na cultura para así facerse como porta de ir ás outras lingua e culturas tal complemento útil e comprensivo de coñecementos e saberes.

Pero o mestre Don Olimpio , e hai que salientalo, non acoutou a súa tarefa aos límites das aulas, nin do centro, nin dos horarios oficiais. Desde sempre que eu teña noticia buscou, promoveu e mediou, a aplicación atinada do «saber facer co que se aprendía» e así o medio, a lingua, os xogos, o teatro, a historia, as tradicións, as creacións, tecéronse nunha verdadeira e primorosa interdisciplinariedade que se concretou en contidos sólidos que avalaron os saberes, as capacidades e así as actitudes positivas de quen participaron activamente co mestre na súa escola (que así me gusta dicir, escola e mestre). Velaí as mellores competencias.

Celebrémolo a el coa súa familia entre todas e todos en recordo especial. Fagámolo tamén a iniciativa da AC Vagalumes. E así os chamos son para o venres vintecinco no cemiterio de Figueiroa e para o martes vintenove no Teatro Principal. Nesta data do vintenove farémolo no I Encontro de Teatro con que especialmente lle darán honra os centros educativos. Memoria sempre.