Adeus a Dorotea Bárcena, un dous rostros máis populares da escena galega

H. J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Dorotea Bárcena recibió el Premio María Casares en el año 2006
Dorotea Bárcena recibió el Premio María Casares en el año 2006 KOPA

Pioneira na construción do teatro galego, a personaxe de Amadora cos Tonechos procuroulle a fama. Sufría desde hai tempo problemas de saúde, faleceu aos 72 anos  

23 nov 2016 . Actualizado a las 08:42 h.

O teatro galego non tería madurado tan rapidamente, cara unha profesionalidade e unha dignidade laboral razoables -é verdade que o sector aínda trata hoxe de superar a súa dependencia das axudas públicas-, de non existir xente como Dorotea Bárcena (1944). Naceu en Oviedo pero criouse nun barrio obreiro de Vigo. Lembraba onte ese papel pioneiro a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que -tras expresar o seu pesar polo pasamento da intérprete aos seus 72 anos- enxalzou a súa figura como «un referente artístico e persoal tanto para a súa xeración, que foi a que puxo en pé o teatro profesional ao longo dos anos setenta, como para as que viñeron despois e seguiron a construír a escena do noso país».

Dende pequena Bárcena xogaba na súa casa a recrear personaxes ou a representar monicreques, e no colexio María Inmaculada facía tamén os seus primeiros experimentos na escena. Co seu tesón, o seu sentido do humor e a súa vocación, mostrou o seu compromiso dende moi pronto, cando deixou a seguridade da docencia nos anos setenta para crear xunto a Xúlio Lago a compañía Esperpento Teatro Joven. Coma outros actores galegos, marchou a Madrid, na procura de acelerar procesos e, xa de volta, axiña se fixo un nome no incipiente teatro galego que bulía naquela década.

Pese a que se sentía sobre todo actriz, as necesidades do teatro a levaron polo camiño da autoría, da dirección, da produción e incluso da empresa, como fundadora de varias compañías. Con ese sólido camiño ás costas -no que ela mesma recoñecía ata días de fame, literalmente-, Bárcena converteuse en 1988 na primeira muller en dirixir o Centro Dramático Galego, ela que tanto traballou nos inicios con textos e montaxes de corte feminista. Baixo o seu goberno estreouse aquela montaxe marabillosa da peza do irlandés John M. Synge O mozo que chegou de lonxe.

Pero, inxustamente, tivo que ser a televisión a que lle dera a fama. Primeiro, na serie ¿Quién da la vez?, dirixida en 1995 por Vicente Escrivá para Antena 3. E, por riba de todo, está a súa Amadora (a sogra do personaxe de Roberto Vilar) no Show dos Tonechos na TVG. Bárcena nunca renegou dun papel que dignificaba co seu talento, que a divertía e a converteu nun dos rostros más populares entre o público galego.