«Con 68 anos vaise pasando da idade xoven á idade maior»

Carmen García de Burgos Velón PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

PAULA CHAPELA

A Festa Homenaxe ás Persoas Maiores cumpre hoxe a súa maioría de idade. Ás 20 horas no Teatro Principal

26 jul 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Xaquín Estévez Galiñanes (Portonovo, 1945) presidirá a entrega de recoñecementos a Ovidio Galego Val, Andrea Vidal Escudero, Ramiro Zarazo Alonso e Arminda Barrio Pérez, veciños todos eles do barrio de Santiaguiño do Burgo, cuxa asociación aproveitará un ano máis o día de san Xoaquín e santa Ana para celebrar a súa Festa Homenaxe ás Persoas Maiores no teatro Principal ás 20 horas.

-¿A que idade pode un entrar na festa dos maiores?

-Non hai unha idade en concreto, pero normalmente son sempre persoas que teñan máis de setenta anos.

-¿Poñen, como nas discotecas, xente na porta para que non entren máis novos?

-Non, porque consideramos que unha persoa se considera un pouco maior a partir desa idade. Antes normalmente non a consideramos unha persoa maior.

-¿Cando un ten 68, que é?

-Con 68 vaise pasando da idade xoven á maior (ri).

-¿Ata os 70 un aínda e novo?

-Eu considero que si, malia que non ten toda a facilidade para facer certas cousas.

-¿Que cousas?

-Os de 68 aínda non perdera toda a súa actividade, pero vai no tempo de decadencia e, a medida que pasan os anos, un fai moita menos actividade.

-¿Para traballar non hai enerxía, pero para a festa si?

-Enerxía si, pero hai persoas que despois de xubilarse reducen moito a súa actividade, e ten menos ganas de facer traballos. Hai outras persoas que non. Por exemplo, eu teño actividade seguido, ben sexa na asociación, ou nunha finca en Portonovo, ou nunha lancha a pescar, pero non todo o mundo temos a mesma actividade.

-Por eso, para traballar non tanto, pero para ir á homenaxe dos maiores sempre hai enerxía, ¿non si?

-Eu penso que si. Cando un ten saúde faino, e o fai con alegría, ademais.

-Porque para ir a unha festa hai que ir con alegría, senón para que...

-Exactamente.

-¿Lígase moito nestas festas?

-Non. Nós aquí ,na nosa asociación, non facemos durante o ano ese tipo de festas. Si o fan en san Andrés de Xeve, por exemplo, pero nós o que facemos é máis actividades de festa, comer, convivir... Facemos as filloas de Entroido, os cogomelos, as castañas... Son festas máis ben de convivir todos xuntos.

-A estas alturas, é difícil convivir logo de tantos anos xuntos no barrio?

-Aquí, a relación que hai, a alo menos dentro nada nosa asociación foi toda a vida moi cordial, pero á xente que empezamos hai 15 ou 20 anos cada vez nos custa máis, porque non é o mesmo cando un ten 55 ou 60 anos estar agachado traballando que con 65 ou 70, esa é a diferenza.

-¿Se elixen os premiados?

-Búscanse persoas maiores. Antigamente o asilo enviaba xente, pero hai uns anos adicámonos a buscar xente que viviu no barrio toda a vida.