Axudas que non deberían ser

Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

03 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu son de Rianxo. E aos de Rianxo gústanos moito presumir de dúas cousas: das festas da Guadalupe -mentiría descaradamente se dixera o contrario- e dos nosos ilustres escritores, que son uns cantos máis que os tres que se citan habitualmente, pero entre os que indiscutiblemente colocamos á cabeza a Castelao e Manuel Antonio. Énchenos de orgullo sabernos un referente da cultura galega grazas a todos eles, e tamén o comprobar que o pasado cultural do municipio é moito máis que pasado, é tamén presente, e agardemos que teña moito futuro.

No presente están, por poñer un exemplo, o grupo de teatro afeccionado máis antigo de Galicia, Airiños, unha compañía feita por veciños que seguen dando moita guerra sobre os escenarios e que debería pasar á historia, ademais de pola súa traxectoria artística, pola súa defensa do galego incluso na época máis escura da nosa historia recente. No presente temos tamén a nada menos que un premio nacional de literatura xuvenil, Gonzalo Hermo, e iniciativas tan interesantes coma os concursos de poesía nos que sorprende a cantidade de rianxeiros que se animan con iso de compoñer versos, e os que se achegan a escoitalos recitar aínda que só sexa por curiosidade.

Gústanos presumir de todo isto, e tamén de ser un dos municipios da contorna nos que máis se fala galego. Por iso, porque me identifico con todo iso, me entristece que haxa que investir diñeiro público para que se promova o uso do idioma en todos os ámbitos da sociedade. Son axudas que non deberían ser, porque non debería ser preciso que a unha asociación lle pagasen por organizar unha actividade na que se faga uso de algo que nos é tan propio como a fala, nin debería ser necesario que a un estudante lle financien a impresión dun traballo por estar escrito na lingua de Rosalía para que o faga en galego en lugar de en castelán. É algo que debería xurdir de forma natural, por convicción, e non por aforrar uns euros.

Non creo que a defensa do idioma sexa algo exclusivo de nacionalistas, como tampouco creo que o amor pola cultura sexa algo propio de intelectuais, creo que preservar o legado dos nosos devanceiros é unha obriga que todos deberiamos ter interiorizada e que non debería estar subvencionada.

Alguén que coñezo acostuma dicir que o peor que lle puido pasar a este país son as axudas públicas porque a xente acaba funcionado a golpe de subvención, que ao final é máis cómodo que sacarse as castañas do lume un mesmo. Pode que, en segundo que casos e segundo que sectores, sexan necesarias, pero no que respecta á promoción e ao uso do galego, non debería ser.