Corpos e cor, de Veiras Manteiga

ANTONIO PIÑEIRO

BARBANZA

27 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía, hai xa tempo, que Veiras Manteiga é un autor paradigmático, un autor que gusta do anovar, un autor que ofrece unha sorte de eclecticismo da arte, ao tratar de xeito pictórico temas coma o teatro, a danza ou a música. Falabamos, hai poucas semanas, da sala de exposicións do Liceo de Noia coma paradigma da acción cultural na bisbarra. Velaquí, desta volta, os dous xuntos nunha exposición que pivota tamén ao redor deses dous paradigmas máximos da forma e da luz: corpo e cor.

A cor é un efecto da luz sobre os corpos. Iso di a teoría científica. Xosé Luís Veiras Manteiga semella facerlle unha sorte de chiscadela ao principio, para chegar a unha nova lectura -visual, táctil, emocional- do corpo. Quizais para poder chegar a ler o corpo coma un signo da luz, o que me trouxo á memoria un interesante ensaio de J. E. Finol, O corpo coma signo, que comezaba coa contundente frase: o corpo é o noso capital simbólico, que tamén interesaba a cor coma un dos elementos esenciais da súa semántica, e que me serve para detectar o pulso intelectual na pintura de Veiras Manteiga.

O tema é o corpo feminino. O eterno feminino. O de Jung, máis ca o de Goethe. E, como adoitan facer os pintores, Veiras tamén acode á reletura da obra dos seus predecesores para concitala na súa visión. As Majas co recordo de Goya, a Bañista ou a Lectora, con reminiscencias de Ingres, algo de Casas, Renoir, Degas, Matisse, Tiziano, incluso de Boucher (un erotismo pola insinuación e a complicidade que coido que está tamén no sentido conxunto da colección), ou algo de Matisse sen ser Matisse, na vivacidade, no cromatismo, na escenografía, na sintetización, mesmo na alegría, ou todo iso xunto sendo xa Veiras Manteiga.

Coido que o propio título é expresión suficiente, mais esa conxunción que une/separa os dous conceptos quizais solape algo o feito de que Veiras o que quere é darnos a idea do todo. Que Veiras non exerce un mero divertimento cos dous elementos da escolla, senón que conxuga dúas ideas. O corpo coma reduto do visible (a cor) e a cor coma vehículo do signo ou do drama do corpo. A cor coma unha dispersión do corpo ou o corpo coma unha gravitación da cor. Ir á aura ou ao espectro envolvente dunha cor que é tamén corpo.

Carl Gustav Jung aludía a aquel eterno feminino que crea un vínculo entre a consciencia do eu e o inconsciente colectivo, á figura feminina sempre presente nos soños, no subliminar da realidade ou na fantasía. Nunha coñecida publicación científica liamos aquilo de que soñamos en escala de grises, non en cores. Pois ben, ollando a exposición dei en matinar que Veiras Manteiga, o que veu facer, é esa mesma simbiose dun xeito instintivo, engaiolante, maxistral, mudando de cor o soño do eterno feminino para dicirnos: velaí a arte.