Vexan o ceo chorar!

SOCIEDAD

11 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Odiácono san Lorenzo morreu martirizado o 10 de agosto do ano 258 e disque esa noite o ceo chorou. Pero a culpa era dun pedrolo duns 27 quilómetros de diámetro que pasa cerca da terra cada 133 anos (a última vez en 1992), para logo alonxarse a unha distancia maior que a que nos separa de Plutón. Ese pedrolo é un cometa, o Swift-Tuttle, un aventureiro que nin sequera se move no mesmo plano que os planetas do sistema solar, senón que o fai cun percorrido case perpendicular a el, como se fose unha agulla que atravesase unha tea na que estivesen pintados os camiños que seguen os planetas. Cando pasa cerca de nós déixanos un recordo: uns cachiños cos que choca a terra cada ano nestas datas. Arden por fricción coa atmosfera, a 100 quilómetros de altura e a uns 50 quilómetros por segundo, e dannos esa luminaria celestial. Pasen e vexan, donas e cabaleiros! Pero non se queden só coas Bágoas de San Lorenzo, o ceo é o meirande teatro ao noso alcance e abre tódalas noites do ano, sempre e cando non o asasinemos coa nosa contaminación lumínica.