O topónimo Galiza xera polémica polo exame dunha nena de primaria

a. parada RIBEIRA / LA VOZ

SOCIEDAD

CAPOTILLO

Un mestre de Porto do Son corrixiu o seu emprego e Política Lingüística considera que o uso é lexítimo

15 jun 2017 . Actualizado a las 17:13 h.

O que era un simple exame de Ciencias Sociais nunha clase de cuarto de primaria do CEIP Santa Irene de Porto do Son acabou por incendiar a Rede. O motivo foi a corrección que un mestre lle fixo a unha alumna, nun exercicio no que tiña que nomear as comunidades autónomas de España nun mapa político. O erro -ao xuízo do docente- que cometeu a moza non foi o de confundir Murcia con Valencia. Foi o de escribir Galiza en vez de Galicia, termo que tamén foi dado por erróneo no caderno de clase da rapaza.

O conflito chegou a adquirir tal dimensión que, ante unha reclamación que os pais da rapaza afectada remitiron á inspección educativa, a directora do centro, Lourdes San José Manso, consultou o caso coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para dar unha contestación. Neste documento que asina San José, a Administración avala ao profesor argumentando que o que se corrixe é o topónimo. Non obstante, dita resolución recolle literalmente que «Galiza é tamén unha forma lexitimamente galega».

Pulo na Rede

Estes feitos poderían ter caído no esquecemento, pero, a través do escritor Séchu Sende, a nova caeu en mans do presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, que se fixo eco no seu blogue dunha carta na que contestaba á directora do Santa Irene apuntando cara a unha «imposición ideolóxica mal camuflada de hipercorrección lingüística».

O certo é que os antecedentes desta historia remóntanse ao curso anterior, cando sucedeu exactamente o mesmo, tanto no control de Ciencias Sociais como no caderno. Así o explicou Francisco González, o pai da alumna de 9 anos, para anotar que incluso o profesor mandou cambiar o tipo de cartografía por unha na que aparecesen as provincias en castelán e non en galego.

«É grotesco que teñan que pedir un informe xurídico-político para corrixir o caderno dunha nena de primaria»

Aínda que os proxenitores se reuniron varias veces co mestre e pedíronlle que lles ensinase a programación para coñecer o método de puntuación e avaliación nesta materia concreta, este non chegou a remitirlla nunca. «Nós [pola nai] pensamos que o profesor o fai por motivos ideolóxicos», precisou o proxenitor.

Dende o colexio

«Non hai nada político, ideolóxico nin similar. É simplemente unha corrección ortográfica ou caligráfica», explicou Lourdes San José, que non quixo facer ningún tipo de valoración sobre o acontecido. Non obstante, si que afirmou que a nota que se lle restou á alumna «foi un 0,01» e non dous puntos -a pequena aprobou o exame-, como se especulou na Rede. «Estamos sorprendidos pola falta de educación que mostraron determinadas persoas insultando nas redes sociais», destacou a directora en relación con comentarios na Rede contra o centro e o docente que non respondeu á proposta deste xornal de dar a súa versión.

«É grotesco que teñan que pedir un informe xurídico-político para corrixir o caderno dunha nena de primaria», opina Carlos Callón «como cidadán e profesor preocupado», para esgrimir que «Galiza é unha forma lexítima galega recoñecida pola RAG e polas tres universidades galegas» e que se debería rectificar, así como pedirlle desculpas á familia.

«Nós o que queremos é unha rectificación e que se poida asentar un precedente para que isto non se repita», sentenciou Francisco González.