Luís Paz-Ares: «Agora curamos moitos cancros e podemos controlar outros»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

Sandra Alonso

«Se se deixase de fumar de todo, desaparecerían o 85 % dos cancros de pulmón en España»

31 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O de pulmón é o cancro que causa máis mortes e en España hai uns 27.000 casos novos cada ano, afirma Luís Paz-Ares (Vilagarcía, 1962), xefe de Oncoloxía Médica do Hospital Doce de Octubre de Madrid. Onte recolleu o premio Ramiro Carregal, nun acto ao que asistiron o presidente da Xunta e outras personalidades.

-¿Cal é a situación deste cancro?

-Un dos problema é que a maioría das veces se diagnostica cando a doenza xa non está localizada. Só un 20 % dos casos son candidatos a unha cirurxía potencialmente curativa, por iso o prognóstico non é dos mellores.

-¿E o outro 80 %?

-O outro 80 % son diagnosticados cando a doenza xa saíu do pulmón, ou deu lugar a metástase. Para diminuír a súa incidencia é prioritario deixar o tabaco; un diagnostico máis precozmente; e ter tratamentos máis efectivos.

-¿Como son as terapias actuais?

-Aprendemos moito sobre que alteracións moleculares orixinan o cancro de pulmón, que é o que diferenza unha célula normal dunha que se comeza a manifestar como cancerosa. Iso permite nalgúns casos deseñar tratamentos específicos.

-¿Como inflúe iso?

-Ten de bo que só se danan as células malignas, con menos efectos secundarios e de maneira máis efectiva. Quizá o de pulmón sexa dos cancros en que máis se ten avanzado nos últimos anos.

-¿Cántos anos se precisan para eliminar os efectos do tabaco?

-Se se deixase de fumar de todo, desaparecerían probablemente o 80-85 % dos cancros de pulmón en España. Só un 15 % se deben a outras causas ou ao tabaco pasivo. A única certeza é que canto menos se fume, é mellor; aínda que se teñan 60 años. O risco de cancro de pulmón é proporcional á cantidade de cigarros fumados e ao tempo que se fume.

-¿Que mudanzas destaca das súas tres décadas como oncólogo?

-As cousas mudaron moito. Agora curamos moitos cancros e, en moitos que aínda non podemos curar, podemos controlar a doenza polo menos por un tempo. Así non se sofren os seus síntomas de maneira tan acusada e é mellor a calidade de vida.

-¿Aconsellaría o cribado para o cancro de pulmón, como se fai nos de mama ou colon?

-Os programas de cribado de pulmón que houbo non tiveron moito éxito. Estudos recentes conclúen que facer un TAC de baixa radiación cada ano diminúe a incidencia e a mortalidade un 20 %. Nos Estados Unidos iso xa é habitual; en Europa aínda non, porque os resultados non son definitivos e hai problemas sen resolver. Habería que facer estudos, e algún xa se está a facer.

-Moito se fala de biopsia líquida, inmunoterapia, avances xenéticos... ¿cal é o avance real?

-Todo é parte do mesmo. Tentamos diagnosticar as anomalías xenéticas do tumor para ver se podemos dar un tratamento específico. No ADN tumoral que hai no sangue podemos dalgunha maneira ver as características do tumor; é como se temos o carné de identidade dunha persoa, que non é preciso ter unha fotografía para saber quen é.