Antonio Álvarez Sousa: «Explicar ben metáforas como o credo favorece doar órganos»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

Paco Rodríguez

Estuda desde o 2005, en colaboración co CHUAC, como vencer resistencias para captar máis doadores

26 abr 2017 . Actualizado a las 09:09 h.

Os 120.000 transplantes que se fan no mundo ao ano, con órganos duns 28.000 doadores, cobren un 10 % da lista de espera. «A doazón aumenta ao ano un 3-4 %. É insuficiente, moitos doentes falecen por non recibir un órgano a tempo», afirma Antonio Álvarez Sousa. É o decano da Facultade de Socioloxía da Coruña, preside a Asociación Galega de Socioloxía e tratou este asunto no ingreso na Real Academia Galega de Ciencias.

-¿Por que faltan órganos?

-A maioría proceden de persoas falecidas nun hospital. E por cuestións técnicas, pola doenza que padecen e pola calidade dos órganos só se utilizan os dun 1 % do total de mortes en hospitais. En España hai uns 2.000 dadores ao ano, e un 15 % de negativas familiares, que hai que aceptar como unha cuestión da sociedade, polos seus valores tradicionais e pola propia estrutura das familias, que inflúen na decisión.

-¿Que favorecería doar máis?

-Maior información e sensibilización, xa na escola. En estudos desde o 2005, en colaboración co CHUAC, así o verificamos.

-¿Como foron eses estudos?

-Recollemos nun audiovisual testemuños e experiencias de doentes cardíacos, que nin se podían erguer do váter e, tras un transplante, recuperaban a vida normal; persoal sanitario, que esclarecía como funcionaban a doazón e o transplante; e familiares, que manifestaban o antes e o despois da operación. E vimos a diferenza: quen viron a proxección tiñan maior sensibilidade e estaban máis a favor.

-¿Por que hai tantas negativas familiares para doar en Galicia?

-Inflúen diversos factores, moitos comúns en países da UE, relacionados co medo e o significado da morte. En moitas persoas inflúen crenzas relixiosas, por exemplo sobre a resurrección; por iso, explicar ben metáforas como o Credo favorece doar órganos. Hai outros temas, como desconfianza sobre o fin que podan ter os órganos; mitos, rumores ou lendas urbanas sen fundamento; e desinformación relacionada coa idade, coa saúde, mesmo coa orientación sexual.

-¿Ve fácil combater iso?

-No caso da relixión católica, os papas Xoán Pablo II e Francisco xa se manifestaron. Os valores relixiosos, ben explicados, poden favorecer o doar.

-¿E outros factores?

-Na UDC ultimamos un novo estudo, cualitativo, para coñecer con precisión por que as persoas doan ou non. Preguntaremos a estas que mudarían para que doasen. O obxectivo é facer campañas específicas, para diferentes subgrupos, para captar máis doadores con éxito

-¿É un problema só da persoa?

-Non é un problema persoal exclusivo, tamén hai que mudar aspectos do sistema e facer leis apropiadas. Nós defendemos promover o altruísmo puro para doar; sen ofrecer recompensas materiais, pois vimos que entre as persoas que doan seme, óvulos, cordón umbilical ou medula ósea son as que menos aprecian. Os doadores valoran moito ter tempo e apoio para doar e para despois se poderen recuperar.