Lara Méndez: «Son sabinómana»

SOCIEDAD

Pinto&Chinto

A primeira alcaldesa que nunca tivo Lugo deixa caer máis dunha vez unha certa culpabilidade pola distancia que se abriu entre o despacho no que estamos e o cuarto no que xoga a súa filla de cinco anos

14 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira alcaldesa que nunca tivo a bimilenaria cidade de Lugo recíbeme no seu despacho tras unha espera cativa. Dá a impresión de necesitar tempo e, ao longo da conversa, Lara Méndez (Männedorf, Suíza, 1972) deixará caer máis dunha vez unha certa culpabilidade pola distancia que se abriu entre o despacho no que estamos e o cuarto no que xoga a súa filla de cinco anos.

-Entendo que a súa infancia é unha historia de emigración.

-Meus pais foron a Suíza recentemente casados, cunha man diante e outra detrás. Eu son a pequena de tres irmáns. O maior foi concibido en Suíza, pero naceu en San Cibrao. Miña avoa, penso que coa finalidade de que retornasen, díxolles que deixaran o pequeno alí. Despois naceu miña irmá e con dez meses quedou tamén. Cando nacín eu, para os meus avós xa era moito. E quedei catro anos en Suíza. Lembro que vía meus irmáns unha vez ao ano, porque as viaxes eran moi longas, moitas horas na furgoneta, que era o que tiñamos.

-¿Volveu algunha vez por alí?

-Non. E teño viaxado moitísimo grazas ao baile. Bailei 19 anos nun grupo folclórico. Pero a Suíza nunca volvín. Supoño que acabarei indo algunha vez. Teño recordos moi vagos. As liteiras onde durmiamos a sesta porque, iso si, miña nai traballaba nunha fábrica e tiñan gardería para os fillos dos empregados. Nos anos setenta, que aquí aínda hoxe estamos como estamos.

-¿E a vinculación con Lugo?

-En Lugo acabei o bacharelato e namoreime da cidade. Escollín a carreira en función da oferta que había alí.

-De rapaza, ¿era modosiña ou máis ben rebelde?

-Tiven etapas, ha, ha. Como todos, ¿non? A revolución hormonal tócanos vivila a todos.

-O seu primeiro traballo.

-Relacionado coa miña profesión foi en Verín, nunha revisión do catastro que se fixo a finais dos anos noventa. Pero xa traballara antes nas casetas do pulpo de Lugo e dando clase de baile no grupo.

-E á política, ¿como chegou?

-Na miña casa sempre se falou abertamente de política e miña irmá militou antes ca min. Un día viñéronme buscar para que botase unha man en Cervo. Sempre o vin como unha actividade temporal, pero as circunstancias leváronme a encabezar unha candidatura, á executiva do partido, á Deputación...

-Todo foi progresar.

-Si. É circunstancial moitas veces, pero... Eu sempre digo que, á parte das ganas, da ilusión e da valía que poida ter cada quen, hai que estar aí no momento oportuno. Non tivese sido o mesmo ser deputada provincial na oposición que estar no goberno, por exemplo. O día que tomamos posesión no que ía ser o primeiro goberno socialista da Deputación de Lugo, ese foi o primeiro día que me sentín parte da historia. Foi un día moi especial.

-¿Como se ve dentro de vinte anos? ¿Na política?

-Véxome vinte anos máis vella e próxima á xubilación. A política é algo transitorio. Son etapas.

-Que é o peor do seu traballo? -Téñoo clarísimo. O sacrificio persoal e familiar, porque eles son os que pagan as miñas ausencias.

-Algún tempo libre quedaralle. ¿A que o dedica, ten afeccións?

-Teño moitas que non practico. O baile, por exemplo, que é algo que sempre puiden compaxinar coas miñas actividades. Hai moitos días que saio de casa antes de que esperte miña filla e que cando chego xa está durmindo. Iso é matador. A miña pequena xa me dixo algunha vez: «¡Mamá, deixa o móbil!».

-¿E a cociña? ¿É un elemento estraño para vostede?

-Estraño non, pouco usado. Por falta de tempo precisamente, pero cada vez voulle collendo máis o gusto.

-¿Pulpo ou empanada?

-Pulpo, claro.

-¿Como leva iso de que o Froilán máis famoso sexa ese Froilán?

-A xente de Lugo, cando se fala de Froilán, non pensamos no fillo da infanta. Pensamos nas nosas festas, no noso patrón.

-¿Fai deporte?

-Agora non. Pero de rapaza xoguei ao voleibol e a o fútbol. Durou pouco tempo, pero foi unha experiencia bonita.

-¿Que tal se lle daba?

-Bueno. Era alta.

-¿E o médico non lle manda facer algo de deporte?

-O médico e mais eu non falamos moito.

-Vostede é enxeñeira agrícola: ¿non ten horta?

-Nunca tiven unha vivenda con finca. Pero se a tivese penso que iría máis pola parte ornamental.

-¿Que canción elixe a alcaldesa de Lugo?

-Eu son moi de cantautores. Podería dicir unha de Sabina ou de Silvio... El joven aprendiz de pintor, de Sabina. Son sabinómana.

-O máis importante na vida é...

-A familia.