¿Que futuro lle agarda a un rural contaminado?

Manuel Soto TRIBUNA

SOCIEDAD

27 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Orural galego precisa manter uns servizos mínimos para non agravar a crise e o despoboamento que ven sufrindo desde hai décadas e que ameaza con persistir se non se toman medidas de verdade. Un rural que fornece de enerxías renovables (hidráulica, eólica, biomasa) podería verse privado dun subministro eficiente de combustible para vehículos e calefaccións, entre outros usos que aínda hoxe se fan dos derivados do petróleo. A Xunta de Galicia ten responsabilidades claras en garantir o acceso a estes servizos, mais non é indiferente a fórmula. Pedir flexibilidade no control só pode levar a unha maior contaminación.

O problema saltou hai máis de vinte anos, cando se fixeron os primeiros estudos de solos contaminados, que por aquel entón xa indicaban as gasolineiras como un dos tipos de emprazamentos polucionados máis frecuentes, que non os máis graves.

Causada polo derrame de produto, sobre todo hidrocarburos, tamén hai metais pesados e outros tóxicos que se poden atopar nos terreos. O risco, de feito, non se limita ao solo do emprazamento. Particularmente nun país como Galiza, cun subsolo moi fracturado, esta polución chega ás augas. E este non deixa de ser un dos grandes perigos da situación que se presenta. ¿Que futuro lle agarda a un rural que non pode garantir a calidade das súas augas?

A prevención, o seguimento e a restauración das zonas afectadas, de ser necesaria, son obrigas cuxo cumprimento a Administración galega debe facer valer. Ao igual que o coñecido principio de quen contamina paga. É responsable a persoa titular da instalación, mais quen paga realmente (ou quen debe pagar) é o usuario final. Son moitos os custos indirectos deste problema que recaen na sociedade e nas xeracións futuras. Só poderemos avanzar se tales custos se internalizan. Para a compensación territorial e social están as políticas redistributivas, fiscais, sociais, que como cidadáns debemos saber esixir, e non a licenza para contaminar.