Imagen:

Nuria Lago: «Os pais se sobreexpoñen nas redes e os fillos queren imitar esta conduta»

A experta precisa que as redes sociais están causando problemas de autoestima en moitos rapaces


redacción / la voz

«Cada vez máis pais preocúpanse porque cren que os seus fillos teñen unha adicción as redes», explica a psicóloga educativa e sanitaria Nuria Lago. Ao mesmo tempo, sorprende que a experta constate que son estas figuras de referencia para os nenos as que se sobreexpoñen nas redes sociais, «transmitindo unha mensaxe negativa aos seus fillos que pode derivar en graves problemas de autoestima».

-Moitos rapaces teñen móbiles cando aínda son nenos. ¿É un perigo que os pais descoñecen?

-Un neno non debería ter móbil nin contas en redes tipo YouTube ou Instagram mínimo ata os doce anos, e sempre baixo a tutela dos pais e con acceso restrinxido. O problema é que en moi poucos casos os pais dispoñen de tempo para vixiar aos seus fillos e controlar que non fagan un mal uso dos dispositivos tecnolóxicos. Aínda así, os pais teñen que intentar estar moi enriba: é como cando se poñen firmes cos horarios nocturnos, hai que poñer límites tamén neste tema.

-¿Existe un aumento de problemas psicolóxicos derivado dun uso erróneo dos móbiles por parte dos nenos?

-Si. Cada vez hai máis pais preocupados porque ven que os seus fillos pasan moito tempo na casa, illados, que non lles interesa saír e que están todo o día pegados ao teléfono. É un problema, porque para os rapaces é máis fácil interactuar a través dunha pantalla, pero as habilidades sociais só se aprenden practicando. Digamos que, desta forma, poden perder a capacidade de empatizar ou poden ter problemas coa intelixencia emocional.

-Di que se lle da excesiva importancia á aceptación social impersoal.

-Así é. Hai que desmontar a idea de que para ser querido hai que ter moitos seguidores nunha rede social ou saír na tele. É importante explicarlles aos rapaces que calquera persoa é digna por si mesma polo feito de ser persoa. Na actualidade estamos vendo casos de nenos que sofren porque non teñen moitos seguidores nas súas redes e pensan que están facendo algo mal, isto en preadolescentes supón auténticos problemas de autoestima, xa que confunden a aceptación social impersoal da que falamos coa valía persoal.

-¿Que pensa dos pais que, nas súas redes, publican fotografías dos seus fillos?

-Os pais teñen que educar no valor da intimidade, que agora se expón case sen ningún límite. Hai moitos adultos que publican fotografías cos seus fillos constantemente e logo pretenden que eles non actúen así. Os fillos ven que os pais se sobreexpoñen nas redes e queren imitar as súas figuras de referencia, é lóxico.

-Os expertos observan unha tendencia segundo a cal moitos pais queren que os seus fillos sexan actores ou participen en programas de televisión.

-Para min, a aparición de nenos en televisión ten máis consecuencias negativas que positivas. De feito, a única positiva que lle vexo é a experiencia persoal de vivir algo distinto. Pola contra, penso que supón unha instrumentalización dos menores e unha falta de respecto para eles, xa que ao mellor cando medren morren de vergoña de ter participado nun programa.

-¿Debe reducirse, polo tanto, a presenza de programas nos que os protagonistas son os nenos?

-Baixo o meu punto de vista, si. Estes programas transmiten relacións de usa e tira. Hai que evitar que os nenos pensen que por saír na tele e gañar uns cartos está todo resolto. Poden querer estar nun medio, pero que sexa polos seus méritos profesionais.

Votación
8 votos
Etiquetas
Instagram Redes Sociales Youtube Internet
Comentarios