Rodrigo Méndez: «O que tentamos é meter toda a paisaxe de Rías Baixas nunha botella»

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso VILAGARCÍA / LA VOZ

SOCIEDAD

MONICA IRAGO

O adegueiro de Finca Genoveva reivindica a tradición tinta nunha denominación de orixe famosa polo albariño

22 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Finca Genoveva é un caíño tinto do que só se fan 700 botellas ao ano. Porque na súa elaboración só se utilizan «as cepas da parte máis alta, que son as máis antigas e as que teñen o chan de granito, para conseguir maior maduración e un viño máis elegante», explica Rodrigo Méndez, responsable de Forjas del Salnés. Defende o importante potencial en tintos que ten Rías Baixas e as súas posibilidades para facer viños de garda.

-¿Non é sorprendente que o mellor Rías Baixas sexa un tinto?

-Iso é cuestión de xurado. Pero si que é sorprendente que sexa un tinto de Rías Baixas o mellor viño galego.

-Isto deixa claro que Rías Baixas non é só terra de albariño.

-Iso está máis que visto xa. Nós empezamos hai anos e despois de todo o que levamos feito o máis importante é que agora sabemos o percorrido que teñen estes viños. Agora podemos abrir un 2004 e saber que está en perfecto estado. Son viños que poden ter máis de 30 anos de percorrido en botella. En España non hai moitas zonas nas que se poida facer iso. Pero nós somos os grandes descoñecidos.

-¿E como se decidiu vostede polos tintos?

-Calquera destas variedades ten máis de cen anos. O albariño é a variedade que manda, diso non hai dúbida, pero tamén é importante recuperar a nosa historia, que sempre foron os tintos. Meu avó xa recordaba, con seis anos, ter estas variedades na casa. E no 2005 decidín empezar a facer tintos aquí. Coa axuda de Raúl Pérez empezamos a baixar os rendementos de produción, a facer crianzas... Non inventamos nada. A finca Genoveva é dunha familia que ten cepas con máis de 200 anos.

-Pero coa chegada do albariño case se acaba con esa tradición.

-As tintas son variedades moi delicadas, moi sensibles. Levamos dez ou quince anos traballando e aínda estamos aprendendo delas. A pesar do sacrificio, sabemos que poden dar grandes viños. Agora imos empezar a vender a colleita do 2008, un viño con oito ou dez anos en botella, que é moi interesante. Pero o que te sitúa no mapa é abrir unha botella de oito ou dez anos e que estea boa. Esa é a materia pendente que temos. Nós podemos conseguir algo interesante, temos potencial, pero temos que apostar por iso. Nos brancos tamén.

-Con esas apostas ¿costa chegar aos mercados?

-Se non tes un distribuidor que te entenda, é un fracaso. O máis importante é que saiba chegar a un nicho de mercado que entenda eses viños. Nós temos unha distribuidora, Almavinos, que apostou por nós. Veñen á adega, catan o que facemos e despois dinnos onde se poden comercializar. Iso é fundamental para chegar ao consumidor final. Con estes viños hai que ter moito coidado no viñedo, e na distribución.

-Fáleme de Finca Genoveva.

-Este viño elaborámolo sen ningún tipo de técnica. Písano os meus fillos cos pes. O que tentamos é meter toda a paisaxe de Rías Baixas nunha botella de viño. Iso é o máis bonito, que se cate e que che digan «isto ule a Rías Baixas».