Bálsamos de Fierabrás

David Araújo TRIBUNA

SOCIEDAD

16 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hai uns 200.000 anos, o Homo sapiens sapiens, un mamífero cun cerebro cunha grande capacidade para a análise, tense preocupado pola morte. E morte e enfermidade con frecuencia van da man. Ata antes do desenvolvemento do método científico, apenas hai 600 anos, bruxos, xamáns e sacerdotes deron explicacións irracionais a este tipo de preguntas. Liturxias, ensalmos e rezos aderezaron durante demasiado tempo a praxe dos médicos-feiticeiros, para darlles efectividade a tratamentos, algúns baseados no ensaio e erro milenario.

Pero a medicina moderna baséase no método científico, que se sustenta na reproducibilidade e na falsabilidade. Ten que haber evidencia contrastada de cal é a causa dunha determinada doenza, cales son os mecanismos ou por que un tratamento resulta eficaz. O método é ben coñecido, pero a ciencia non sempre vai á velocidade que un quixera. Máxime se a lotería da enfermidade lle toca a un. ¿Debe sorprendernos por tanto que haxa tantas persoas, cunha intelixencia normal, que recorran a prácticas sen base científica? A resposta é non.

Son demasiados milenios de aprendizaxe xamánico gravados a lume no noso sistema límbico. O problema está, en parte, nos pícaros, non na boa fe dos desesperados. Pero tamén ten unha cota nada desprezable de responsabilidade un Estado que se preocupa pouco pola educación dos cidadáns (un individuo ben instruído adoita ser crítico coa charlatanería), e actúa de xeito indulxente cos pillastres que con palabrería pseudocientí­fica ofrecen curas milagreiras que están omnipresentes nos medios de comunicación: remedios homeopáticos, infusións detoxificantes, ungüentos adelgazantes, dietas ortomolecurales e demais bálsamos de Fierabrás. Son unha estafa consentida.

Se alguén nos dixera que mediante o horóscopo ía resolver a relación entre a constante cosmolóxica de Albert Einstein e a enerxía escura nos partiriamos a caixa. Pois a chamada medicina alternativa venche ser parecido... Soamente que estes cobran.