«Caín, partín o lombo e estiven dous meses na cama»

TANIA TABOADA

SOCIEDAD

MIGUEL VILLAR

A actriz coruñesa Isabel Risco pasaba o verán en Fontán, un barrio mariñeiro do municipio de Sada

24 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A actriz coruñesa Isabel Risco pasaba o verán en Fontán, un barrio mariñeiro do municipio de Sada. Recorda os seus baños na praia de Morazón, situada a carón da casa de seus avós.

-¿Que lembras daqueles veráns de infancia?

-Teño recordos marabillosos. Meus avós tiñan unha casa con vistas á praia de Morazón e neste areal aprendín a nadar. Tamén me lembro de ir cos meus curmáns a apañar ameixas polas fincas da zona e coller algas no mar.

-¿Con quen pasabas os meses de verán?

-Con meus pais e irmáns. Despois viñan meus curmáns e alí xuntabámonos todos.

-¿Algunha anécdota?

-Un día vimos un remolcador inglés abandonado. Estaba fondeando xunto á ría de Betanzos. A plena luz do día, collimos un bote que tiña meu avó para acceder a el e entramos. Eu ía de primeira e abrindo paso ao resto. Vimos a sala de máquinas, os camarotes...

-¿Liachela parda algunha vez?

-Moi parda. Tiña dezaoito anos. Caín, partín o lombo e estiven dous meses na cama. Eramos moi propensos a ir de botellón e de levar a cabo tertulias nos camposantos. Nunha ocasión fomos para un edificio que estaba en construción. Caín por un muro de contención desde un terceiro piso e case me mato.

-¿Como llo explicaches a teus pais?

-Ás seis da madrugada meus amigos e curmáns leváronme a casa porque non podía moverme. Acabei dicíndolle a meus pais o que pasara. Leváronme urxentemente ao hospital e alí estiven quince días ingresada. Cando me deron a alta foi para repousar.