Alcaldes galegos comprométense cos produtores locais

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Álvaro Ballesteros

Os responsables de Santiago, Ferrol e A Coruña sumáronse á carta de consumo responsable

24 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Recoñecer aos produtores locais, potenciar o consumo dos bens máis cercanos e facelo en galego. Estas son as chaves da Carta de Consumo responsable e solidario que firmaron onte alcaldes dos concellos de Santiago, A Coruña, Ourense, Lugo, Ferrol e Oroso. O escrito tamén contou con máis apoios, como o de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. A iniciativa esta promovida dende o ano 2013 polo Foro Enrique Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Na carta recóllese o deber dos concellos de impulsar un aproveitamento sostible dos recursos naturais, así como a súa aposta pola calidade dos produtos agroalimentarios con denominación de orixe galega -ou local-, «capaz de darlle identidade propia aos produtos, de aportarlle un plus a gastronomía, un patrimonio máis para atraer o turismo, e de impulsar o desenvolvemento económico», segundo destacaron dende o Concello de Lugo. Outro dos valores do documento é a solidariedade coas empresas que opten por etiquetar en galego os seus produtos e usar o galego nas súas campañas de promoción.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, dixo no acto que «o noso idioma, ademais de constituír un valor como denominación de orixe e confianza e proximidade cos consumidores, abre a vía da comunicación internacional en mercados emerxentes do mundo lusófono, como o brasileiro e o angolano».