«Cando me dixeron que gañara o Audi ría e choraba»

rafael bautista REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

CESAR QUIAN

Encántalle o premio da promoción de La Voz: «Agora si que vou saber por fin o que é conducir un coche así»

29 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os venres e os sábados, as dez e media da noite, María Ángeles Fuentes Pérez comeza o labor na panadería Lita, en Carballo. Non remata ata ás oito da mañá. Convén ter durmido antes. Aínda que sexa un pouquiño. Pero María Ángeles confesa que, desde soubo que era a gañadora do Audi A4 que regala La Voz de Galicia, é máis difícil durmir. Ata fala de tomar valeriana para conseguilo. Pero é porque está encantada.

-¿Como foi cando a avisaron do premio?

-Cando me dixeron que gañara o Audi ría e choraba, a verdade é que non o cría.

-¿Participa vostede habitualmente nas promocións de La Voz de Galicia?

-Pois si que xogo. E a verdade é que xa me tocara un premio nunha das outras promocións de La Voz de Galicia. Eran noites gratis en hoteis.

-¿Que lle parecen a marca e o modelo?

-Encántame todo. Xa lle comentei aos meus fillos que agora si que vou saber por fin o que é conducir un coche así, un Audi.

-Conduce vostede, entón. Entre conducir o furgón da panadería e o ir ao volante do Audi A4 haberá diferenza...

-Eu teño carné de conducir, pero non levo o furgón da panadería. O meu é axudar a facer os moletes, fágolle os cornos aos moletes.

-¿Que paseo dará co seu novo coche para celebrar o premio?

-Nós non temos vacacións. Pero para celebrar o Día da Nai os fillos regaláronnos unha noite e media xornada nun balneario. Pois igual hai que volver alí co coche novo...

-¿É lectora habitual de La Voz de Galicia?

-Xa hai anos que somos subscritores. Leo todo o xornal. Porque a min gústame todo.