Nacho Mirás, in memoriam

SOCIEDAD

ALVARO BALLESTEROS

En homenaje al compañero y al periodista, La Voz reproduce esta entrevista, publicada el 21 de noviembre del 2005, a Xosé Ramón Gayoso, otro personaje bien querido y cuyo programa «Luar» acaba de cumplir las mil emisiones

19 oct 2015 . Actualizado a las 08:38 h.

«Son un tipo moi doce porque nacín nunha pastelería»

É un avogado metido a presentador; foi campión de España de lanzamento de martelo; e é o personaxe máis popular de Galicia.

¿Que non sabe quen é «Jalloso»? Entón é vostede de Marte. Xosé Ramón Gayoso Bonigno (A Coruña, 1956) pilota desde hai catorce anos o buque insignia da Televisión de Galicia, o exitoso e tamén controvertido Luar. Aviso a navegantes: hai candil para rato.

-Non parece que vaia vostede facer cincuenta anos, a metade da vida útil. ¡Está feito un mozo!

-¡Xa me gustaría! Ah, bueno, útil si [bota unha risotada]. Hai un axioma que di que a televisión bota quilos e anos.

-¿E é verdade?

-En xeral, si. Pero é moi satisfactorio porque, cando estás na tele, ninguén se atreve a dicirche nada e, cando estás na rúa, todos che din: «¡Pero ti es moito máis rapaz, estás moito máis delgado!». E entón medras.

-Corróeme a dúbida: Con novo goberno en Galicia ¿desaparece o «Luar»?

-Para nada. Escoitei unha declaración dun político que dixo que Luar estaba aí porque o pobo decidía que estivese aí. Non temos ningunha intención nin ningún interese en facer política nun programa musical para as noites dos venres.

-¿Por que teñen artistas como o Fary ou Manolo Escobar que parece que estean abonados?

-Despois de catorce anos, bastante máis abonados son os rapaces das bandas de gaitas e as agrupacións folclóricas ou as corais. Manolo Escobar vén dúas veces ao ano porque hai avós que se educaron, creceron e bailaron coas cancións desa xente. ¿Por que imos privar á xente deles se lles gustan?

-¿E as críticas?

-Cando che fan críticas, estante mirando, entón hai unha satisfacción desde ese punto de vista porque ninguén critica nada que non se ve. Despois, ti escoitas a crítica porque os que vivimos de cara ao público o que temos é que escoitar. ¡A min, a xente rífame pola rúa! No fondo, a xente é a que sabe de televisión, nós levamos catorce anos aí e é como o que está metido no bosque e as árbores impídenlle ver.

-¿Será vostede o segredo do éxito do «Luar»?

-Non, e interésame que o recalques. O éxito de Luar é un equipazo fenomenal.

-¿Nunca estivo tentado de dar un volantazo?

-Como en tódolos camiños, hai momentos de cansazo. Pero, a día de hoxe, como se me fago vello facendo o «Luar».

-Vostede é tan popular que xa lle cambiaron o apelido. Para os galegos é «Jalloso».

-¡Son «Jalloso», si, con jota! Máis ca un peso, son unhas ás. A xente é suficientemente educada como para que, se non lles gustas, non che digan nada pola rúa e, se lles gustas, páranche para dicirche que lle gustas. ¡Xa me dirás que peso é ese!

-Agora que non escoita ninguén ¿Recibe cartas de admiradoras/es?

-Non. Como símbolo sexual non teño futuro. ¡Pero non perdo as esperanzas! [Ri].

-En América, os actores chegan a presidentes. ¿E vostede de político que tal?

-Xa me teñen dito que Fraga tería menos se eu me presentara [Ri]. Pero non, eu son moi consciente das miñas limitacións, que son moitísimas. A política non me di nada, aínda que penso que é un nobre traballo.

-¿E a familia como leva a súa fama?

-Os meus pais, o meu irmán, a miña muller e a miña filla son o xermolo de todo.

-Vivir na Coruña, que bonito é...

-¡Que bonito é! Eu son un tipo moi doce porque nacín nunha pastelería. Meu pai foi facer a mili e logo a estudiar na Coruña. Un día entrou a comprar un pastel, un Torpedo, e quedou prendado da pasteleira, a miña nai. E nacín grazas aos pasteis, non podo ser amargo na miña vida. A confitería chamábase La Imperial, fundada polos meus avós na rúa Panaderas.

-¿E iso de que foi atleta?

-Está mal que o diga, pero fun campión de España de lanzamento de martelo.

-¿Xa lle dedicaron unha rúa, unha avenida?

-Non, pero temos unha praza en Touro, a praza «Luar» ¡Amigo!