A volta ao planeta en 180 días

Manuel Soto DIRECTOR DE LA OFICINA MEDIO AMBIENTE DE LA UDC

SOCIEDAD

27 ene 2015 . Actualizado a las 04:47 h.

Ao desafío de voar súmase nos días que vivimos o de facelo sustentablemente. A curiosidade do ser humano, as gañas por superarse, o afán por ser pioneiro é un dos motores do avance tecnolóxico. Por iso, non é difícil chegar a pensar e mesmo crer cunha fe cega que calquera crise, e particularmente a crise ambiental, de recursos e da contaminación, poderán ser superadas polos avances tecnolóxicos. Mais hoxe sabemos que a máquina, a locomotora, o automóbil ou o avión trouxeron o progreso e tamén unha destrución do equilibrio ecolóxico de alcance planetario. O desafío do Solar Impulse II pode non tardar en ser posible, e refórzanos na crenza de que o futuro da humanidade pasa polos avances tecnolóxicos. Mais falta un ingrediente para que eses avances e a súa aplicación sexan unha solución real, un ingrediente que ten máis que ver co noso modo de vida, co compromiso de adaptarmos a nosa actividade aos ritmos e a velocidade da natureza. A enerxía solar xa está aí e pode disfrutarse desde hai tempo para aspectos da nosa vida tan importantes como termos vivendas autosuficientes, producir alimentos naturais e de calidade, desprazarnos a pé ou en bicicleta, e mesmo preparar unha comida e degustala ao lento ritmo das cousas ben feitas. Trátase non tanto de irmos a todas partes, senón de vivir a viaxe e o día a día. Por iso, mellor unha volta ao mundo en 180 días que en tres ou catro.