Carreira contra o reloxo

La Voz

SOCIEDAD

23 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

No seu teléfono, unha morea de mensaxes da avogada.

-Onde andas metida? A cousa vai moi ben! Ao final foi bo que se vise a testemuña, Ana amósase pouco fiable e non segue os patróns habituais das vítimas de abusos. Creo que estamos preto de gañar!

«O patrón habitual»? E que era iso? É que había algunha maneira estándar de reaccionar cando un adulto, un home no que confiabas, usa esa confianza para violarte? Hai algún curso, algunha escola onde aprender iso? Como é posible a confianza despois de algo así? Non atopaba resposta pero sabía que se non puidera evitar que algo así acontecera (Ela! Que sempre prestaba atención ás cousas pequenas nos seus informes crediticios! Era tamén culpable? Por que non prestara máis atención? Por que non botara máis tempo con Ana?) polo menos tiña que evitar que a xustiza se convertese nunha farsa e nun simulacro.

Agora ben, o problema era como facelo. Tiña que haber algo máis ca frases cruzadas e caracteres. Ademais, ela xa declarara, non podía agora volvelo facer en sentido contrario. Pensarían que estaba tola (ou «inestable», como dicían de Ana no informe psicolóxico. Como pode unha nena estar «estable» en tales circunstancias?). Sentíase nunha calella sen saída por diante da cal pasan coches en todas as direccións. Debería chamar a Bea e Ricardo? Para dicirlles que? Que ela contribuíra ata o de agora a foderlles a vida pero que quería facer propósito de emenda? Tiña que traer algo na man. Era a única maneira. Pero que. Que?

Foi entón cando soubo que precisaba axuda. Foi entón cando tivo claro a quen tiña que chamar.

-Estarei aí o antes posible.

E efectivamente así fora. Tardara escasos dez minutos en chegar. Ao abrir a porta os seus ollos verdes chamáronlle máis a atención. Convidouno a pasar e ofreceulle un café, que el aceptou. Se cadra intuía que ía ser unha conversa longa.

-Deli, que acontece? -dixo finalmente cando ela sentou no sofá. Ata ese momento dáse conta de que nada máis a estivera observando. Coma un can que venta a ansiedade.

-Sei que Vicente é culpable -o inspector Couto deixa a cunca novamente no prato, non lle dera tempo nin a levar o café aos labios.

-Pero?

-Non o souben ata que vin a declaración de Ana.

-Que quere dicir?

-Quero dicir que ata entón pensaba que non era posible, non quería aceptalo, así de simple. Pero Ana dixo certas cousas que demostran que Vicente abusou dela. Ela mencionou frases e prácticas moi específicas que non hai xeito de saber a menos que esteas con Vicente nunha situación? íntima.

-Entendo? -o inspector míraa en fite.

-Teño que facer algo. E non pode ser declarar de novo. Non podo permitir que Vicente saia libre. Debe pagar polo que fixo -e controlou o seu impulso de engadir que se saía libre estaba disposto a matalo ela mesma.

O inspector Couto suspira.

-Ten que haber algo que poidamos facer -Deli séntese por primeira vez a piques de chorar. Mais contén as bágoas.

-Mire, Deli, voulle ser sincero. Non pode imaxinar a cantidade de casos deste tipo que hai, xa sen contar as situacións de mulleres adultas e a porcentaxe baixa que chega aos tribunais. Os homes saen libres unha e outra vez. Pais que violan as súas fillas e o estado obriga ás mais a cumprir o réxime de visitas sabendo que levan a nena a padecer abusos sen poder evitalo. Mais ás que deixan quedar de manipuladoras cando o único que buscan é protexer ás súas fillas. Saber todas estas cousas faime moi difícil ser pai. Non me fío de ningún home, que quere que lle diga. Moitos días penso, mesmo sendo un home, no ben que estaría o mundo se nel houbese só mulleres.

RESUMO

Despois de escoitar a declaración de Ana Deli necesita agocharse. Péchase no baño dos xulgados e senta a pensar. A voz da nena, detallando os abusos á que a someteu Vicente, o home de Ana, non sae dos seus oídos. As súas explicacións son como unha revelación e Deli cae na conta de que todo este tempo estivo enganada por Vicente. Mentres trata de recuperar a calma, conclúe que toda a súa vida fora unha mentira.