A pola distinción a nivel estatal

La Voz

SOCIEDAD

29 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Razóns non lle faltan á Dorna para terse colado, hai xa anos, no calendario das grandes citas lúdicas da comunidade galega. A Xunta de Galicia recoñeceu no seu día a valía desta celebración concedéndolle a distinción de festa de interese turístico galego. Pero os organizadores da proposta, a Real e Ilustre Cofradía, queren máis e co empeño que os caracteriza, van a por esta nova meta. Saben que poden subir un chanzo e non están dispostos a parar ata conseguilo. De feito, loitan xa con todos os medios que teñen ao seu alcance para facerse coa distinción a nivel estatal.

Ademais da mellora constante do programa de actividades que manteñen viva esta celebración, a consecución deste recoñecemento é o obxectivo número un dos dorneiros. Xa no pasado houbo algún que outro intento falido por facerse coa distinción. Faltaba no expediente acreditar a difusión da festa a nivel estatal. E non porque medios de distintos lugares do mundo non se tiveran feito eco en máis dunha ocasión da singular celebración e das numerosas actividades que integran o seu programa, senón porque non se acompañaba o material esixido para probar esta divulgación.

Pero, despois do gran éxito da última singradura e da repercusión que tivo, a Real e Ilustre Confraría da Dorna pensa que desta pode ir a vencida: «Agora mesmo temos moito optimismo ao respecto. O expediente está preparado e falta só incluír as moitas publicacións que saíron ao longo das pasadas festas», explicou o presidente, Eduardo Iglesias. Quizais canda a marea dorneira volva a subir sexa un feito de interese estatal. O obxectivo está claro e se algo teñen os dorneiros e moito empeño. Por iso, a Real e Ilustre inviste agora parte do seus esforzos en reunir o material necesario para que a festa acade este novo recoñecemento e, como non, xa se ten a mirada posta na vindeira singradura.