«En ciencia, parecemos Cuba»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

SOCIEDAD

Santiago Garrido

13 dic 2014 . Actualizado a las 21:23 h.

Marcos Mariño Beiras (Santiago, 1970) é un dos grandes científicos que Galicia deixou escapar ao estranxeiro. Dende que tiña 37 anos é catedrático de Física Matemática na Universidade de Xenebra, en Suíza, á que chegou tras pasar polo Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN), na mesma cidade. Antes, doutorárase na Facultade de Física compostelá, e fixo investigación nas estadounidenses de Yale, Rutgers e Harvard. A súa especialidade son as supercordas, unha teoría que trata (entre outros aspectos) de integrar nunha única lei as catro forzas do universo.

Mariño é, en certo modo, un máis deses centos de emigrantes galegos que nos últimos anos buscaron traballo en Xenebra, e moitos conseguírono. Aínda que o seu é máis peculiar, porque a súa especialidade é de elite. En España, a dobre titulación de Matemáticas-Física tivo a nota de corte máis alta na Complutense de Madrid, un 13,04 sobre 14.

-Catedrático de Física-Matemática, e dende moi novo. Moi habitual non é.

-Non hai moitos postos deste tipo, non. Polo menos, en Europa, porque en Estados Unidos si que coñezo varios. A miña área é moi ampla, en física traballo dentro da física teórica, e en matemáticas, o máis aproximado sería a xeometría. Na Universidade de Xenebra dou clases nas dúas facultades, en dous departamentos, máis ou menos un semestre nunha, e o outro, noutra.

-¿E por que se quedou en Xenebra tras o seu traballo no CERN?

-Foi unha opción que me gustou. Tiña moitas ofertas de todo o mundo, mesmo este ano. Tamén mo ofrecían no CERN.

-Cada vez fálase máis dos bos científicos que emigran, ou máis ben dos que se ven obrigados a marchar. ¿Percibe vostede ese éxodo?

-Si, claro, está chegando xente e ademais sabemos o que está ocorrendo. Non é novo. O problema é o grao de desenvolvemento que hai en España. Podemos ter un sistema de educativo razoable, pero non hai estabilidade. Hai xente moi ben formada, pero ten que traballar fóra do país. Hai un investimento en formar á xente que non se recupera. Estamos no peor dos mundos posibles. Antes, había unha especie de mafia que repartía os postos, unha tradición feudal moi estendida. Pero agora xúntase a fame coas ganas de comer: como non hai cartos, exacérbase o problema. O caciquismo quedou sen cartos. Así que en ciencia parecemos Cuba ou Rusia: países que durante moitos anos formaban excelentes profesionais, pero tiñan que irse a outros lugares. Ollo, que tamén é certo que hai moita xente apegada á terra.

-¿Vostede séntese como un emigrante?

-En certo sentido, si son un emigrante científico. Hai cousas que si comparto, ademais desa sensación de querer volver ou non, ou do que botas en falta ou non. Pero eu marchei no 97, e xa non volvería. Xa teño a miña vida aquí.

-¿Como se ve España dende o seu posto en Suíza?

-Como un país que fixo un gran esforzo, con científicos punteiros. Un país que debería pensar a longo prazo. No franquismo non eramos nada. Fíxose un traballo enorme para poñernos no mapa. Pero non sei cara onde vai en ciencia. Non son optimista.

-¿E cara onde vai a teoría das supercordas?

-A física matemática moderna é a teoría das cordas, a vía para abordar cuestións de gravidade cuántica. Terá un impacto enorme, engloba todas as teorías.