Anxo Queiruga: «Demostramos que todas as persoas teñen capacidades»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

Recolle o Premio Integra BBVA polas iniciativas laborais que promoven

12 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

«Cando hai máis de 30 anos comezaron a traballar as entidades de persoas con discapacidade, a maioría do colectivo estaba na casa, era un problema para as familias. Coa organización do movemento asociativo a situación mudou, aínda que non ao ritmo que quereríamos», afirma Anxo Queiruga, presidente de Cogami, que o día 12 recolle en Madrid o premio Integra BBVA, dotado con 200.000 euros, polas iniciativas laborais que promoveron en 23 anos.

-¿Que favoreceu os avances?

-Primeiro a formación, porque o noso colectivo non tiña acceso ao ensino ordinario, iso era unha eiva importante para a integración. E como tampouco accediamos ao emprego en empresas ordinarias comezamos con iniciativas empresariais, a primeira Coregal en 1996; e aproveitamos as transferencias de emprego á Xunta para colaborar no servizo galego de colocación, un recurso que foi moi valorado para conseguirmos este premio do BBVA.

-¿Como conseguiron eses obxectivos?

-Reivindicando os dereitos das persoas con discapacidade como cidadáns, con propostas realistas perante as administracións. Aproveitamos moito as axudas de programas da UE, que prosperaron en realidades empresariais. Demostramos que todas as persoas teñen capacidades e merecen ter oportunidades e unha formación adecuada.

-¿Como se concretan os avances polos que lles dan o premio?

-En Cogami traballamos hoxe 850 persoas, moitas con gran discapacidade. O grupo Galega de Economía Social integra nove empresas, con case 500 empregos; eran 440 en abril, cando nos concederon o premio, e a pesar da crise aumentamos. O noso servizo de emprego coloca unhas 2.000 persoas con discapacidade cada ano en empresas ordinarias, iso antes ninguén o pensaba. En Cataluña, Andalucía, Navarra ou Cantabria teñen interese no noso modelo e viñeron para o coñeceren.

-¿Teñen novos proxectos?

-Si, en ámbitos como a reciclaxe, o etiquetado, o control de accesos ou o transporte. Unha vantaxe neste tempo de crise é a diversificación das nosas empresas: na reciclaxe, impresión, alimentación, informática, medio ambiente e servizos.

-¿Como notan a crise?

-Con menos contratacións do noso colectivo, menos ventas, e maior competencia para as nosas empresas. O que máis priorizamos é salvar empregos.

-¿Que supón este premio?

-Unha axuda para a profesionalización das empresas e para xerar máis oportunidades de emprego para as persoas con discapacidade, pois temos 26.000 persoas con discapacidade demandantes de emprego.