«Non podemos caer no discurso de que estamos agobiados»

Marisa González Nieto é desa clase de xente que sempre está. Di que hai que botar unha man no que toque. Dende vixiar o monte ata acompañar a un veciño

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Marisa González Nieto (Allariz, 1960) forma parte da paisaxe de Allariz. Da paisaxe humana, por suposto, pero un pensaría que tamén da física. Alá onde se move algo na vila do Arnoia está ela aportando axuda. Pode ser na asociación de mulleres Silvardeira, na agrupación cultural Xan de Arzúa, na Andaina, no Triatlón, en iniciativas medioambientais... Raro será o evento no que a súa man voluntaria non aporte algo.

«Un séntese ben consigo mesmo cando fai algo polos demais. Eu non falo tanto de voluntariado, que o relaciono máis con apuntarse a unha institución para unha actividade concreta, senón de colaboración. A pregunta é ¿que podemos facer nós neste momento? ¿Vixiar o monte? Pois vixiar o monte. O que toque».

Para Marisa, herdeira innegable do espírito sociable e aberto da súa nai, Celia, a cooperación ten un senso especial en Allariz: «Sendo do pobo que son, un séntese voluntario con gratificación; aquí hai unha serie de persoas que, sen necesidade de estar apuntadas en ningún listado, están aí sempre. Eu estudei na Universidade Laboral e alí vivín unha etapa moi bonita, onde había unha participación voluntaria que non puntuaba para as clases, cun espírito de convivencia que me marcou. E despois sempre digo que os de Allariz levamos unha marca especial, eu como moitísima outra xente».

A Marisa sóbranlle exemplos para as súas afirmacións, pero escolle un: «No verán do 2006, en plena onda de incendios, en Allariz fomos capaces de organizarnos á perfección 50 persoas en 24 horas para vixiar os montes. Esa é a maxia deste pobo; non sei como responderán noutros sitios, pero aquí parece que as cousas custan menos porque estás máis arroupado, hai moito respaldo».

Atender un posto de traballo e dedicar o tempo libre ao voluntariado social require organización. «Creo que eu reparto moi ben o tempo. É certo que, aínda levantándote cedo, non chegan os días, pero tampouco podes caer no discurso de que estamos todos agobiados e cheos de traballo nin ca que está caendo nin nada».

¿E a recompensa? É obvio que a xente como Marisa non a espera: «Chégame o agradecemento, a resposta de alguén cando che di grazas por indicar ben o sitio onde ía, ou esas caras que din ¡que ben organizades!, sempre en conxunto, claro, non referíndose a min... Eu esfórzome en que saia ben; non o fas como un traballo, eu disfruto».

Unha das súas colaboracións máis recentes foi no Triatlón Vila de Allariz. Marisa ocupou un dos puntos de orientación rodeada de nenos. ¿Hai semente? «Eu síntome moi ben cando os propios rapaces me chaman o día antes porque queren colaborar e están aí, orgullosos, coa súa camisola de voluntarios. Iso implica a toda a familia e é estupendo».

Marisa, no centro da imaxe, cun grupo de pequenos voluntarios, en Allariz. pablo araújo