Bota a andar o «Álbum da Ciencia» do Consello da Cultura

santiago / la voz

CIENCIA

O proxecto ten como punto de partida as 201 biografías elaboradas para o Dicionario Histórico de Científicos Galegos

28 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Ramón María Aller, Juan Varela de Montes ou Juan Jacobo Durán Loriga, entre outros, son algunhas das figuras científicas que xa forman parte do Álbum da Ciencia, un innovador proxecto do Consello da Cultura Galega (CCG) que ten como punto de partida as 201 biografías elaboradas para o Dicionario Histórico de Científicos Galegos (editado en dúas partes en 1993 e 2005 polo Grupo de Traballo de Historia das Ciencias do Seminario de Estudos Galegos).

Agora, e tal como explicou onte en Santiago o vicepresidente do CCG, Francisco Díaz-Fierros, os textos serán actualizados, reformulados e pasarán a formar parte do álbum en formato dixital.

Xosé Antón Fraga, director do proxecto, sinalou durante a presentación a súa convicción de que existe «un déficit na poboación relacionado coa cultura científica». Así, explicou, máis ou menos todo o mundo sabe dicir onde naceu Rosalía de Castro, pero non que o médico que a atendeu era una figura relevante.

Ao fondo de partida do traballo engádese a incorporación de novas entradas, correspondentes a científicos que desenvolveron o seu labor entre 1936 e 1975, así como as relativas a institucións científicas salientables. «A Cultura non pode limitarse aos ámbitos artísticos e humanísticos», dixo Fraga.

O resultado final son trescentas entradas sobre científicos e institucións científicas de Galicia que xa se poden comezar a consultar a través do enderezo www.culturagalega.org/albumdaciencia.