«Ser galego é unha cátedra que recibimos sen ir á Universidade»

jesús manuel garcía OURENSE / LA VOZ

EDUCACIÓN

Lemos converterase esta tarde no bispo 104 da diocese

11 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Fixo o retiro nun pazo preto do seu pobo e ten abandonada a filatelia. Le filosofía e biografías. Gusta da música clásica, pero férvelle o sangue pola música galega. Falamos de Leonardo Lemos Montanet (Barallobre, Fene, 1953), que esta tarde converterase en bispo de Ourense. Home sinxelo, de humor e próximo. É esperado con ilusión.

-¿Como se atopa horas antes de ser bispo?

-Con paz, un pouco preocupado para que todo saia ben porque fai frío e teño medo de que chova pensando na xentiña que irá á ordenación episcopal. Da miña terra fretaron varios ómnibus e doutros lugares de Santiago. Teño medo de que non haxa sitio para eles e teñan que estar fóra da catedral. Teño tranquilidade interior. Fíxese que o meu apetito é óptimo e non necesito tomar nada para durmir. Confésolle que desde que o nuncio me comunicou esta designación do papa estiven un pouco preocupado porque danche unha nova que necesitas falar con alguén e tiña reserva pontificia ata o 16 de decembro.

-Ten que ser duro manter o rigoroso segredo.

-Saín ben da situación porque providencialmente estaba argallada unha peregrinación a Roma organizada por un crego exalumno meu. Invitoume e aquilo liberoume para escapar do entorno que se me viña enriba.

-¿Rematou o traslado?

-A complicación é a biblioteca. A residencia de Ourense é moi boa, para min máis que suficiente. Vivirá comigo algún familiar.

-¿Que fará mañá como bispo?

-Teño pensado celebrar a misa maior na catedral. É un prantexamento vital que o bispo celebre a misa dominical na súa catedral. Propóñome facelo sempre que poida. E pola tarde, estarei na casa ordenando os meus libros.

-¿Cantos libros ten?

-Entre 3.000 e 5.000. Moitos de filosofía. Monseñor Suquía mandoume a Roma a facer Filosofía. Agora agradézollo porque a reflexión filosófica é moi importante para o saber humano. Un pensamento débil é negativo.

-¿Será un bispo do pobo?

-Estou sempre preto da xente. Gústame falar con todos e pido a Deus que non me cambie. Irei a pé á catedral e gustarei de coñecer a realidade das parroquias.

-Na diocese hai moitos cregos maiores e outros saturados e con certo desánimo.

-Hai curas vellos porque a sociedade galega está avellentada. Así non podemos ter cregos mozos. Aínda así, Ourense ten o índice máis baixo de idade no clero. A media é de 65 anos. Monseñor Quinteiro en cinco anos ordenou 20 curas, non está mal, e non se secularizou a ningún. Hai 70 menores de 51 anos e outros 46 menores de 40 anos.

-¿Prevé cambios no cabildo da catedral e na curia?

-Hai que renovarse ou morrer. Na Igrexa xogamos con persoas. Os nomeamentos complícanse.

-¿Que pensan seus pais?

-Están tranquiliños. O papá ten 83 anos e mamá, 82 . Levan e meditan no corazón esta realidade. E meus irmáns alégranse.

-Vostede é da Sociedade Sacerdotal da Santa Cruz.

-Pertenzo a ela, que naceu antes do Vaticano II co fin de axudar aos cregos diocesanos na súa vida espiritual, sempre unidos aos seus bispos para que o labor sexa máis efectivo. Vulgarmente confúndese esta sociedade co Opus Dei. Nin o prelado nin o vicario do Opus Dei exercen goberno sobre os cregos da Sociedade Sacerdotal da Santa Cruz.

-Na diocese fálase dun sínodo.

-Seino. O sínodo é un momento de graza. Para facelo, antes hai que estudar todos os factores, porque haino que facer ben. Hai que estudar moi ben a situación da diocese con realismo. Pero en Galicia fíxose hai anos o Concilio Pastoral e hai cousas sen desenvolver. Hai que ver que se pode aproveitar antes de facer un sínodo.

-O clero está molesto polo xeriátrico do Seminario Maior.

-Escoitei falar diso, ignoro os motivos. A situación disto non pode depender do novo bispo. Hai que solucionalo, pero con todas as persoas que tomaron parte.

-¿Que representa un bispo nesta sociedade nosa?

-Esa é unha boa cuestión. É igual que preguntar que fai o cristianismo na sociedade. Se o cristianismo ten sentido na nosa sociedade tamén o ten a presenza do bispo.

-Moita xente ve á Igrexa preocupada polos cartos ou pola vida sexual dos cidadáns.

-Á Igrexa non lle interesa o que unha persoa fai ou non na súa vida privada, pero ten a obriga de alumear coa doutrina de Xesucristo a vida dos seus fillos e fillas.

-A xente xa fala do que pode durar, pola brevidade dos últimos pontificados.

-Estarei como bispo de Ourense o tempo que Deus queira. Con certa ironía direi que me fixen un chequeo médico días antes da designación e teño unha saúde óptima. O meu obxectivo é ser bispo de Ourense e nada máis.

-E bispo galego. Isto gusta en Ourense. Xa llo adianto.

-Un galego coñece a terra e sénteste ben nela. En calquera parte de Galicia, aínda que hai matices. Ser galego é un agasallo de Deus. Unha cátedra que recibimos sen ter que ir á Universidade.