Recollendo po de cometas

Jorge Mira CATEDRÁTICO DE FÍSICA DA USC

SOCIEDAD

12 may 2016 . Actualizado a las 18:38 h.

Acontemplación do firmamento nunha noite despexada é un grande espectáculo, ademais altamente saudable, porque desperta na nosa mente as preguntas que nos distinguen como especie. Nestes días medra o atractivo, porque mirando con paciencia, no sentido oposto ao que está a Lúa, veremos estrelas fugaces con máis frecuencia do normal. Prodúcense porque a Terra atravesa unha zona pola que pasou antes o cometa Swift-Tuttle (a última vez en 1992). Este cometa, duns 10 quilómetros de diámetro, no seu camiño polo sistema solar vai deixando cachiños ao se aproximar ao Sol; é dicir, vaise gastando, deixando tras de si un regueiro de fragmentiños (de feito, os cometas que percorren centos e centos de órbitas ao redor do Sol acaban por desaparecer debido a este desgaste). Esas pedriñas non chegan a chocar contra o chan ao seren atropeladas pola Terra, porque a uns 100 quilómetros de altura (nunha capa chamada mesosfera) a atmosfera empeza a volverse o suficientemente espesa e, como entran disparadas a uns 50 quilómetros por segundo, xa abonda para que ardan coa fricción con ese pouquiño de aire.