O que nos envellece non son os anos

Ramón Vilar IN MEMORIAM

TORDOIA

09 may 2016 . Actualizado a las 22:48 h.

que nos envellecen non son os anos, son eses pés a destempo que nos mete con aleivosía a vida. E aí non vale buscar a ollada reparadora do árbitro, esas patadas desequilibran o partido. Mentres tecleo estes case dous mil caracteres aínda noto como baila algunha avelaíña na boca do estómago. Morreu Cristina. Pouco máis ten os apelidos, podemos facer todas as combinacións antroponímicas posibles, ao fin e ao cabo era unha das nosas. Non, quizais non foi apropiada a definición anterior. Non era só unha das nosas: canda outras e outros da súa xeración, formaba parte do mellor que parimos como país. Esa xuventude que vimos medrar nos institutos (no seu caso no de Ordes) e nas universidades públicas galegas e que hoxe, homes e mulleres de trinta e tantos anos, engrosan a vangarda científica de Europa.

A súa paixón, a bioloxía molecular, levouna hai xa algún tempo ata as ribeiras do Douro. Alí, en Porto, formaba parte dun equipo internacional que investigaba o comportamento das bacterias en contornas humanas, especialmente nos ciclos urbanos da auga.

A morte, inesperada, repentina e ladroa, sorprendeuna naquela cidade. Sabemos que a vida non é xusta, e que ás veces doe demasiado, pero iso non ten un efecto analxésico diante de determinadas gadoupadas.

Volveu a Tordoia, á parroquia onde empezou todo. Péchase así, abruptamente, un álbum de vida ao que lle faltaban aínda demasiadas páxinas para estar sequera mediado. Non fai falta estar hoxe en Gorgullos para sentir o silencio triste que cociña este sol primeiro de maio.

E só resta dicir que decidín escribir este texto porque creo que non é xusto que venza o silencio. Finou parte da nosa mellor colleita, unha desas flores que somos quen de sacar adiante coma pequenas milagres en terra queimada. E ese é o drama, pero tamén a única esperanza. Mentres, nós, camiño de converternos en sísifos de xeriátrico, volveremos empurrar a pedra ata o alto da montaña.

Cristina Becerra Castro, de 36 anos, natural de Santaia de Gorgullos (Tordoia), foi soterrada onte no cemiterio parroquial.