«Gústame salientar o importante servizo social que fan as matemáticas»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

C. VILLAVERDE

Agarda que cando remate esta etapa, a sociedade galega se sinta igual de orgullosa que agora da facultade

23 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Natural de Ourense e alumna do instituto As Lagoas, o primeiro correo que enviou en canto foi nomeada decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago foi ao seu profesor de Matemáticas de COU, Alfonso Amorín, agradecéndolle que tanto el como os mestres que tivo na EXB foran quen de acadar que se apaixonara por esa especialidade que, en realidade, non foi a súa primeira opción. «Na selectividade marquei Física, pero agora estou moi contenta de ter elixido Matemáticas», confesa.

-Tivo vostede moi boa sorte cos seus mestres, porque hai nada as Matemáticas tiñan unha fama terrible.

-Creo que socialmente está moi estendido que non se entendan, e os profesores de Matemáticas eran os poli malos, pero as cifras da demanda, o feito de que 642 estudantes riscaron a cruz de Matemáticas no acceso á universidade quere dicir que os profesores de Matemáticas si que o están a facer moi ben, son os que teñen as chaves das vocacións.

-Refírome ao pasado.

-Penso que no pasado tamén o fixeron ben pero semella que este recoñecemento e este prestixio que agora ben avalado polas notas de corte é tamén un recoñecemento social, pero os profesores eran igual de bos hai 33 anos que agora.

-Como quedaron este ano as notas de corte?

-No primeiro chamamento chegou ao 10,8 e eu penso que pecharemos nun 10,7 ou nun 10,6; en todo caso, dous puntos enteiros máis que o ano pasado.

-Que é o que se está a facer mellor agora?

-Que todos aprendemos tamén as aplicacións, que temos aliados que son os computadores e que o mercado laboral practicamente non resentiu a taxa de paro que apenas se incrementou nos anos de crise. A visibilidade da man da empregabilidade reforzou as vocacións, a xente nova mira estas cousas. As empresas están a contratar os profesionais de Matemáticas.

-O paro é cero?

-Segue a haber xente que se quere dedicar ao ensino medio e iso tamén é bo porque necesitamos persoas que sigan a fomentar e a explicar ben as Matemáticas, que son boas para un montón de ferramentas; na maioría dos titulares nos medios de comunicación hai un concepto matemático ou un número, porque as matemáticas permiten sintetizar moita información. E por outra parte está que aos matemáticos nos gusta resolver problemas, e as empresas necesitan persoas que resolvan problemas. Agora participamos en moitos programas de divulgación e moitas das aplicacións das matemáticas que antes non se coñecían hoxe as podemos compartir, e hai aplicacións dende todas as áreas de coñecemento das matemáticas; matemática industrial, estatística, xeometría e topoloxía... O bo é que son ferramentas transversais e problemas que parecen diversos e distantes teñen o mesmo ADN matemático e iso nos permite colaborar con xente moi variada e aprender deles. Este ano, ao mestrado de Matemática Industrial viñeron 56 empresas a presentar 77 problemas; se lles resolves os problemas, é fácil que te contraten. E a min gústame salientar ese importante servizo social das matemáticas.

«Trátase de ver os problemas como unha oportunidade de negocio, como fan as empresas»

«A nota máis alta de ingreso á universidade en Galicia xa está matriculado nesta facultade»

Racha por completo con todos os estereotipos que rodearon durante anos aos profesores de Matemáticas, porque Elena Vázquez é unha grande comunicadora. E está convencida de que esa divulgación ten moito que ver na boa saúde das matemáticas, incluída a que se fai entre os mozos a través do programa Estalmat (Estímulo do Talento Matemático), que trata de captar futuros matemáticos entre os estudantes de ensino medio.

-Estalmat cumpriu dez anos. O balance é positivo?

-Puxo de manifesto que había moitos mozos e mozas de toda Galicia que gozaban das matemáticas, que por vez de ir xogar ao fútbol nas fins de semana veñen á facultade. Temos seleccionados 275 e este ano é o primeiro que se gradúan estudantes de Estalmat, témolos en Dereito, Políticas, Matemáticas, Telecom, Farmacia, Medicina... O obxectivo é manter a querenza nas matemáticas. O sábado, na presentación das dez promocións, que viñeron 76 estudantes, organizaron unha batalla matemática e un xogo de rol, coincidiron nun marco de idade desde os 13 anos ata os 23, e presentáronse este ano 345 para as 25 prazas, incluso máis que para o propio grao. Saber que hai 300 pequenos que lles molan as matemáticas, pois é moi satisfactorio. A nota máis alta de ingreso á universidade en Galicia é un estudante que xa está matriculado nesta facultade. Por suposto, unha vez que empezan as clases, en setembro, son todos iguales, tanto os de grao como os de dobre grao, o de Informática e o de Física.

-A clave do éxito está nesa predisposición a resolver problemas?

-O importante é que un problema o vexan como o ven as empresas, como unha oportunidade de negocio. Agora que se fala da industria 4.0 temos que chegar á formación deses profesionais que, sen perder o rigor e o aprendido na facultade, tamén sexan capaces de construír solucións que fagas as nosas empresas competitivas.

-Foi importante tamén a divulgación no exterior e os plans de internacionalización?

-Foi para traer coñecemento matemático aquí. Se queremos que as novas promocións coñezan as anteriores é importante que os novos coñezan o que se fixo para manter esta boa vaga. Vai 50 anos, nas orixes, houbo persoas como Antonio Valle que, como aquí non había xente para dirixir teses, enviaron os que agora son grandes directores como Alfredo Bermúdez a facer a tese ao estranxeiro, ou como José Manuel Nieto, que trouxo aires do que se estaba a facer fóra. Agora hai estudantes de todo o mundo a facer a tese en Galicia. Esa porta non se pode pechar.

«Exportar talento está moi ben, pero algúns deles terán que quedar aquí ou terán que retornar»

 

 

O vindeiro ano celebrarase o 60 aniversario da posta en marcha da licenciatura de Matemáticas en Santiago. Será unha nova ocasión para divulgar todo o que se pode facer cos números.

-Pasaron 60 promocións que fixeron achegas e eu creo que coñecer as persoas que o lideraron, incluso a persoeiros históricos, é fundamental. Contar a historia desas persoas é importante, como Domingo Fontán, que fixo a carta xeométrica de Galicia, contar como percorreu Galicia medindo as estradas e usando matemáticas moi punteiras en aquel momento. O ano que ven temos que despexar as incógnitas das persoas, aos matemáticos nos asocian sobre todo aos números e eu trato de facer fincapé en que o importante non son os números da nota de corte, senón a demanda que hai e que detrás deses números hai persoas entusiasmadas con facer matemáticas grazas a outras persoas que lles transmitiron ese entusiasmo.

-Que retos se marca para estes catro anos?

-O reto é que este recoñecemento que temos é froito de moito traballo e non hai que deixar de traballar e de recoller froitos, hai que combinar a atracción do talento coa fixación de todo este talento. Que 642 rapaces marcasen Matemáticas xa é empezar a materializar un desexo e é resultado do que se viña facendo. Agora os novos estudantes teñen que ser tamén protagonistas e asumir a responsabilidade que lles toca, e o equipo docente tamén.

-Hai un problema de relevo xeracional como nas outras facultades?

-O relevo xeracional é estratéxico, pero para iso hai que chamar á porta do reitorado. Nestes catro anos vai haber moitas xubilacións e a universidade ten que ser consciente de que estes recoñecementos son froito do traballo de moita xente e que se queremos seguir así precisamos incorporacións. É importante que a xente siga viaxando, pero este talento non se pode exportar unicamente. Cando un agregado noso, como hai pouco Óscar Domínguez, ten un recoñecemento, todos nos sentimos moi orgullosos. Exportar talento está moi ben pero algúns terán que quedar aquí ou terán que retornar.

-Como lle gustaría pechar esta etapa dentro de catro anos?

-Gustaríame que esas catro promocións se sentisen igual de orgullosas que me sinto eu e que os compañeiros novos tamén estivesen satisfeitos. E que a sociedade galega se sinta tamén orgullosa da Facultade de Matemáticas.