«Este mapa é un buzón que non é só para nós, é para os que veñen»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

xoan a. soler

O barrio de San Pedro relátase a si mesmo a través do seu propio mapa emocional, explican os membros do colectivo Galicia Emocional

11 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Alicia deu o seu primeiro bico adolescente no salgueiro da praciña de San Pedro. Ese salgueiro xa non existe, pero as súas raíces seguen prendidas na memoria do barrio, que á vez é moitos barrios. Está o San Pedro de Estrella, que aínda é quen de escoitar o chifro de Xan das Cabras cando se achega a festa. Tamén está o San Pedro de Gabriel, que cando vai ao campo da Angustia de quen se lembra é de Alfonsito atrapando zapatilla porque non daba subido para a casa. Ou o de Mari Carmen, que preparou o ingreso na escola da profesora Mera, en Belvís. E tamén está o San Pedro de hoxe, cos seus negocios novos, cos seus veciños de sempre, coas rúas cheas de vida.

É difícil cartografar un barrio, porque cada un dos seus habitantes camiña por unhas coordenadas distintas, que se foron amoreando no seu maxín durante anos e anos para facer del ou dela o que é. E porén, onte, todos eses San Pedros confluíron nun. Nun mapa emocional que demostra, sobre todo, que é emocionante. Setenta e nove iconas repartidas das Fraguas a Home Santo, de Concheiros a Belvís. Cada unha co seu arquivo sonoro. Coa súa fotografía e coa transcrición, e deste xeito recoller todos os fíos para tecer o San Pedro actual. Para poñer en valor o seu patrimonio inmaterial, neste caso emocional.

«Son historias contadas pola veciñanza en clave de presente, pasado e futuro -explica a coordinadora da iniciativa, Coro González-, sentimentos vinculados ao contexto, formas de vivir, cousas que pasaron...» ¿Por que? O diagnóstico comunitario do barrio de San Pedro impulsado polos Servizos Sociais detectou a necesidade de espazos e programas de intercambio xeracional e accións de recuperación da autoestima social. Agromaba o mapa na mente do colectivo Galicia Emociona.

Foi un traballo «puramente construtivo»: andar na rúa, falar coa xente, documentarse moito, editar o material. E tamén facer entrevistas. Unha vintena. Algunhas son en vídeo, como a de Leopoldo, que ten un obradoiro no campo da Angustia no que leva máis de 30 anos no oficio da restauración e a talla da madeira. Outras só teñen audio. Algunhas levan nome, outras non, respectando os desexos dos participantes. Coidouse moito a heteroxeneidade. «Este mapa é un buzón que non é só para nós, é para os que veñen», concluye Coro.

«Foi divertido, estivemos polo barrio e había moita xente diferente, que dá a idea da súa diversidade». Quen fala é Nacho Muñoz, outro dos artífices do proxecto que trouxo na súa mochila o xerme da iniciativa. «Isto nace dun colectivo de artistas, Alg-a, que nace aló polo ano 2000 vinculado a Belas Artes de Pontevedra» e que o que quería era sacar a arte dos sitios onde se facía arte «e saír á rúa, que en Galicia saír á rúa case implica un pouco saír á corredoira». E comezaron a organizar as verbenas periféricas para traballar coa xente e o entorno. Despois, chegaría o primeiro mapa, en Valadares (Vigo) grazas a unha residencia da artista Ágata Dzianch. A cambio de que os voluntarios do banco de tempo da parroquia contaran historias para metelas nun mapa e xeolocalizalas, eles farían o espectáculo para celebrar o aniversario do banco de tempo.

Pero as actividades en San Pedro non quedan aí. Marcos Ptt deseñou un audiorroteiro por localizacións do barrio. «É como a audioguía dun museo onde se escoitan entrevistas e unha narradora vai guiando» a quen queira pasear polo barrio como se fose por primeira vez. A andaina contou onte coa colaboración de Chévere, que cedeu os mp3 do seu audiorroteiro. Esa guía emocional, ese paseo interior de San Pedro, poderase descargar en calquera dispositivo móbil.

O proxecto. O mapa emocional de San Pedro aínda non está activo, pero poderase consultar en sanpedroemocional.com.

Como colaborar. Quen teña unha historia pode escribir a o enderezo electrónico mapa@sanpedroemocional.com ou cumprimentar o formulario da web.