Un coronel baixo os carballos

quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

cedida

Enrique Líster en 1977, despois de 38 anos de exilio

21 may 2017 . Actualizado a las 10:00 h.

O seu regreso a España e a súa Galicia natal levantou toda a expectación dunha gran estrela mediática. Pisaba terra española un 7 de novembro de 1977, despois de 38 anos de longo exilio. Enrique Líster Forján, natural de Ameneiro, Calo, no Concello de Teo, tiña naquel outono 60 anos. Fora xefe do 5º Rexemento durante a guerra (in)civil española, organizador e xefe da Primeira Brigada Mixta e da 11ª División e rematara a contenda co grao de Coronel, xefe do V Corpo do Exército. Participara nas batallas de Guadarrama, na defensa de Madrid, en Xarama, Brunete, Belchite, Aragón, Ebro... Partira para o exilio a Francia a comezos de febreiro de 1939 e fora despois membro do Comité Central do Partido Comunista de España (PCE) ata 1970. Esta é parte da súa historia.

E viña guerreiro. Foi aterrar en Baraxas, e xa nas súas primeiras declaracións, despois de lembrar a todos os mortos no exilio que xa nunca poderían regresar coma el, acusaba a Santiago Carrillo de ser «un gánster de la política». «Y lo ha sido siempre», matizaba. O enfrontamento entre os dous dirixentes comunistas viña de vello... Tamén, co propio PCE, do que Líster fora expulsado en 1970 trala invasión de Checoslovaquia por parte dos Rusos (1968), que el non quixera condenar mentres que si o fixera o PCE.

Pero regresemos a Compostela. Esta imaxe, que se publica hoxe por vez primeira, reflicte moi ben, como diciamos, o atractivo que a súa lendaria figura espertaba, naqueles días de Transición, entre mozos novos e vellos camaradas. Cedeunos a fotografía un dos que aparecen nela, Chema Ríos, hoxe médico, daquela estudante, que aparece, con barba, á dereita da imaxe. (A cámara coa que se tomou esta foto foi, ademais, a do propio Ríos).

Como escribiu Machado

Camiña Líster ben arroupado pola carballeira de Santa Susana. Compite en resistencia cos carballos que o custodian. Del chegara a escribir o gran Antonio Machado aquel famoso poema que remata así: «Si mi pluma valiera tu pistola / de capitán, contento moriría».

Un dos seus acompañantes por aqueles días, o escritor ourensán Luís González Tosar (aparece ao fondo da imaxe á dereita), lembraba non hai moitos anos nun artigo que Líster estivo en Galicia, despois do exilio, ata en seis ocasións. Hospedábase na casa das súas irmás leiteiras, Aurora e Manuela, e ían visitalo todo tipo de xentes. “O párroco de Calo, Manuel López Rifón, nunca deixou de pasar a saudalo”, relata Tosar.

A quen non lle deixou tan boa impresión foi ao xornalista José Luis Alvite, quen o entrevistou por aqueles días durante varias horas. Tamén Alvite, moitos anos despois, lembraba o encontro: «Contaba la guerra como si aún mandase en ella», e isto era o máis suave que dicía Alvite de Líster.

E aquí o deixamos nós, baixo a rexa memoria dos carballos máis históricos de Santiago. Líster morrería en Madrid en decembro de 1994. «Español indomable, puño fuerte» (escribía Machado).