«A distancia non pode facer esquecer a situación de inxustiza global» 

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

El presidente de la Coordinadora Galega de ONGs para o desenvolvemento afirma que o traballo que se fai nos últimos anos en Santiago «xa se está a notar»

16 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Queremos representar a gran maioría das organizacións da sociedade civil que traballan activamente en Galicia para promover os dereitos sociais, políticos, civís, económicos e culturais de todas as persoas a nivel global», afirma Alejandro Quiñoá, elixido en marzo presidente da Coordinadora Galega de Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento (ONGD).

-¿Como é a Coordinadora?

-Foi fundada en 1991 e hoxe integra a 45 ONGD, con 41.000 persoas asociadas. Algunhas son galegas, outras son delegacións de ámbito estatal ou internacionais.

-¿Mudou o traballo neste tempo?

-Inicialmente era un movemento moi militante e fundamentado en persoal voluntario. Agora hai moita profesionalización, porque o traballo é máis complexo e hai máis esixencias administrativas que hai 25 anos.

-¿É positiva esa mudanza?

-É necesaria, pola transparencia, xestión e bo goberno que nos esixen. Compatibilizamos ben o traballo de voluntariado e de técnicos.

-¿Por que rexeitaron o actual Plan de Cooperación Galega?

-Ese plan, da Xunta, está próximo a finalizar. É o primeiro que non contou co consenso das ONGD nin de outros actores, como sempre antes. Foi así porque os compromisos orzamentarios que contemplaba eran moi de mínimos, tendo en conta a situación de desigualdade e crecemento da pobreza no mundo; renunciaba a características diferenciais da cooperación galega, segundo as nosas coordinadas culturais e históricas, como a cooperación con países lusófonos; e porque se daba a entrada a empresas, e nós entendemos a cooperación como unha política de dereitos humanos, desvinculada de ningún ánimo de lucro.

-¿Participarán no próximo?

-Terá que ser negociado este ano e estamos en disposición de chegar a acordos. Faremos as nosas propostas, e esperamos e desexamos que a Xunta regrese á política de consenso.

-¿Como é a cooperación local?

-Estamos a ver políticas positivas nos concellos de Santiago, A Coruña e Lugo, ou na Deputación da Coruña. Iso fai pensar que se pode comezar a saldar a débeda histórica coa solidariedade e co noso movemento. Porque a sociedade civil galega sempre nos valorou; e desde o local tamén se poden facer políticas pensando no global.

-¿En que situación está a cooperación en Compostela?

-Aquí, un dos exemplos de dinamismo é o programa Compostela máis solidaria, do que pensamos facer co Concello a segunda edición nas próximas semanas, con actividades sobre xustiza global, loita da desigualdade ou consumo con responsabilidade, diseminadas por toda a cidade. Tamén se está en camiño de conformar un Consello municipal de cooperación; e están a ser deseñadas as bases para unha convocatoria de cooperación internacional, o que será un fito histórico, pois nunca existiu aquí antes unha política así de cooperación.

-¿Como traballan as ONGD en Santiago?

-A maioría traballamos en cooperación internacional, e compatibilizamos esa actuación co traballo local, para sensibilizar e concienciar á sociedade de que a distancia non pode facer esquecer a situación de inxustiza global e a crise sistémica e estrutural en moitos países. O traballo de organizacións como Asemblea de Cooperación pola Paz, e outras ONGD, en colexios e en barrios de Compostela, penso que xa se está a notar, como aconteceu no mercado solidario da semana pasada. En Santiago hai catro redes de organizacións, que traballan en San Pedro, Fontiñas, Vite e Conxo, onde se comparten estratexias e se organizan de forma conxunta actividades; e iso está a resultar positivo.

En Santiago. Alejandro Quiñoá é delegado en Galicia da Asemblea de Cooperación pola Paz, con sede en Santiago.

Coordinadora galega. A Coordinadora Galega de ONGD integra a 45 entidades repartidas no país, que teñen unhas 41.000 persoas asociadas.