A outra parra de Rosalía

quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

Pepe Franqueira

07 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A nostalxia da parra debería estudarse como parte da idiosincrasia galega. Todos temos na memoria perdida unha parra, e un festa debaixo dela.

Teño escoitado a Manuel Rivas lembrar, por exemplo, a parra da súa xuventude, que frecuentaba a carón da fábrica coruñesa de cervexas Estrella Galicia, en Catro Camiños, e como a botaba de menos... Ai, as parras da nosa memoria! Aquí traemos hoxe unha moi especial. Teño oído moito falar dela. Ata que, a través de Pepe Franqueira, lle puiden poñer cara con esta imaxe dunha das xornadas douradas deste histórico local: a Taberna La Parra.

Primeiro digamos onde estaba: na actual praza de Vigo, o que nun tempo foi Concello de Conxo (ata 1925) nos lindeiros co de Compostela. Resulta que esta taberna ocupaba parte da finca da casa natal da poeta Rosalía de Castro (entre o Camiño Novo -hoxe, rúa Rosalía de Castro-, o comezo da actual Avenida de Vilagarcía e os campos de San Xosé -hoxe, Frei Rosendo Salvado-). Así o testemuña Ricardo Carballo Calero, que chegou a visitar, na compaña de Bouza Brey, a casa de Rosalía, antes da súa lamentable derruba a finais dos anos setenta.

Cando eles foron, Calero e Bouza Brey, a casa de Rosalía levaba en ruína moitos anos, mais a taberna estaba en pleno funcionamento.

Di Calero (recollo a información da biografía sobre Rosalía de Castro que acaba de publicar en Galaxia editorial María Xesús Lama): «Hai un portón por onde se pode entrar a un patio. Hoxe está esta finca convertida en dependencia do dono da taberna La Parra, establecida na que fai esquina á Avinda (sic) de Vilagarcía. Frente á casa rosaliá non hai fachadas, fóra da entrada dun taller de ferrador».

Todos os veteranos de Conxo e Compostela lembran moi ben esta taberna. Quizais a maioría, cando ían de viños, nin imaxinaban que estaban a beber na casa natal de Rosalía.

Na imaxe, quizais dos anos 60, un bo grupo de mozos e nenos, máis de trinta (non hai, por certo, unha soa muller, pois seguro que están todas a traballar dentro), xogadores e amigos, posan despois dun campionato de Chave, o popular xogo tan compostelán. Diante, Pedro, o dono, bota o viño nas cuncas.

Esta taberna tan rosaliá desapareceu cando se fixo a praza de Vigo. Outra desfeita máis executada para furar outro párquin subterráneo.