«En Portugal teñen o maior interese en promover os seus Camiños a Santiago»

Joel Gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Traballa na «construción de recursos para mellor xestión do turismo», afirma

26 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Álvaro Iriarte (Redondela, 1962), profesor da Universidade do Minho (Braga), inicia esta semana unha estada na Facultade de Filoloxía da USC, para deseñar investigacións relacionadas coas peregrinacións a Santiago. «O obxectivo é a construción de recursos para a mellor xestión do turismo no Camiño Portugués. No Centro de Estudos Humanísticos da Universidade do Minho constituímos este ano o Grupo Galabra-UMinho, onde tentamos aproveitar a experiencia do Grupo Galabra, que dirixe o profesor Elías Torres na USC, onde estudan discursos, imaxes e prácticas culturais sobre Santiago como meta dos camiños de peregrinación, o benestar da comunidade local a través de narrativas e usos culturais, ou o coñecemento que se deriva de produtos literarios», afirma.

Agora pretenden «reproducir e avaliar resultados ou, eventualmente, procurar resultados diferentes aos que chegaron eses traballos realizados na USC, utilizado as mesmas orientacións metodolóxicas e, eventualmente, compartindo materiais. Esta práctica de replicación dos resultados é pouco frecuente nas Humanidades, o que impide consolidar moita da nosa actividade como verdadeira práctica científica, como é a avaliación dos resultados dos proxectos e publicacións».

Hai obxectivos lingüísticos e de aplicación para o turismo: «É un traballo no ámbito do Programa Iacobus, da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, con financiamento de fondos europeos. En Portugal teñen o maior interese en promover os Camiños Portugueses a Santiago e iso favorece este proxecto», acrecenta Iriarte.

Este filólogo e docente galego, doutorado na Universidade do Minho, onde exerce desde 1987, ultima estes días en Compostela dous proxectos: «Un para presentar á Fundação Calouste-Gulbenkian, para traballar durante aproximadamente un ano; e outro para un período maior, por volta de tres anos, que presentaremos á Fundação para a Ciência e a Tecnologia de Portugal».

En definitiva «trata de coñecer as imaxes sobre Santiago, Galicia e o Camiño en visitantes portugueses e tamén brasileiros; e promover un turismo sustentable», esclarece.

A novidade do proxecto, que ultima nesta semana e na próxima en Compostela, está «en que nos centraremos nos chamados termos multipalabra, como ‘torta de Santiago’, ‘Santiago de Compostela’, ‘Cavaleiros da Orden de Santiago’, ‘25 de xullo’ e outros semellantes. A análise de materiais tendo isto en conta pensamos que será diferente, e pode funcionar mellor, que a análise de unidades de palabras só. Entre as finalidades do noso traballo están elaborar recursos que sexan de utilidade na xestión e modernización do turismo portugués, sobre todo do chamado Camiño Portugués a Santiago».

Álvaro Iriarte indica que o grupo Galabra-UMinho, do que é coordinador «está formado por catro investigadores senior dos ámbitos da Lingüística, a Informática e os Estudos da Cultura; e dous estudantes de postgraduación. Contamos, por convite, coa contribución de Elías Torres, da USC; Roberto Samartim, da Universidade da Coruña, e Zósimo López, da Universidad Internacional de La Rioja. Facemos parte da Rede Galabra, participada por grupos investigadores de Galicia, Portugal e Brasil. Entre os obxectivos fundamentais da nosa actividade están producir e transferir coñecemento sobre asuntos ligados ao funcionamento da lingua e da cultura, con especial atención ao caso das comunidades de lingua portuguesa».

Nestes días que permanece en Compostela, Iriarte tamén dinamiza seminarios e sesións formativas na Facultade de Filoloxía.