A visita de Galdós e Pereda en 1885

quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

CEDIDA

Os dous escritores foron guiados en Compostela por Barcia Caballero

09 abr 2017 . Actualizado a las 07:53 h.

Foi un recente agasallo do profesor José Manuel González Herrán, catedrático de Literatura española da USC e experto en dona Emilia Pardo Bazán e nos grandes do século XIX, quen me deu noticia da fotohistoria que hoxe traemos aquí. (A fotohistoria número 50 xa, por certo). Resulta que en maio de 1885 estiveron de visita en Santiago os escritores Benito Pérez Galdós e José María de Pereda, dous dos máis recoñecidos creadores das Letras españolas de todos os tempos (sobre todo, para min, o primeiro deles).

Eran moi amigos malia que mantiñan posturas ideolóxicas ben distantes (carlista, Pereda; “progresista” -en termos de hoxe- Galdós). A descuberta daquela estadía fixéraa xa González Herrán a comezos da década dos 80, mais agora decidiu incluíla nun dos capítulos do seu libro Érase un muchacho... y otros estudios peredianos, onde reúne traballos seus dos últimos 30 anos.

Porque nada se sabía daquela parada e percorrido compostelán (e lugués, como veremos). Nin os dous protagonistas, nin os seus máis afamados biógrafos, citaban que, na viaxe polo noroeste de España e Portugal que Galdós e Pereda emprenderan na primavera de 1885, decidiran deterse en Santiago e tamén en Lugo. Nas memorias de Galdós nada se cita, quizais porque, precavido el, decidiu titulalas Memorias de un desmemoriado.

Pero quen si contou a ilustre e singular visita foi o guía de excepción que acompañou aos dous escritores. Non podía ser outro que Juan Barcia Caballero. Médico rexionalista, escritor tamén, e factotum de canto movemento cultural ou social se levase a cabo na Compostela dos seus días. Barcia deixou escrito un artigo, que descubriu González Herrán na Biblioteca Menéndez Pelayo de Santander -un vello recorte de prensa titulado Un saludo-, onde narra con bastante detalle o percorrido compostelán dos autores dos Episodios Nacionales (Galdós) ou Sotileza (Pereda).

Di Barcia que Pereda era «tan simpático como quisquilloso» e que Galdós, lonxe de parecerlle «taciturno y melancólico» como seica o imaxinaba, revelóuselle «jovial, decidor y amabilísimo». Os tres percorreron a catedral, San Martiño Pinario, a Universidade, entraron no Hospital Real e mesmo baixaron á colexiata do Sar.

Despois viaxaron a Lugo, o 24 de maio, pois Pereda quería ver alí ao seu paisano e amigo Gumersindo Laverde Ruiz, quen fora aquí catedrático de instituto e que se recuperaba agora dunhas febres tifoideas.

E velaquí a historia. Cada visita dun persoeiro histórico a unha cidade engade, ao xenio do lugar, ao seu relato colectivo, unha capa de material sensible que todos debemos recoller e potenciar. De aí que esta descuberta do profesor González Herrán deba ser incorporada a esa nómina de figuras ilustres que, se as escoitamos ben, nos saen ao paso, en cada rúa, en cada espazo. Aínda que non chegase a nós a foto daquela expedición.