Excursión ferrolá aos pés da Minerva

Quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

Foto del patio del antiguo colegio San Clemente, que fue sede de la primera escuela de veterinaria
Foto del patio del antiguo colegio San Clemente, que fue sede de la primera escuela de veterinaria Foto de E. Guerra / Archivo Carlos Castelao

Unha viaxe pioneira en 1913 do Centro Obreiro de Ferrol

19 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe pasa desapercibida no alto da Facultade de Químicas, no Campus Sur compostelán, pero houbo un tempo no que os seus tres metros de granito eran claros e expresivos (non ennegrecidos como están na actualidade). Falamos da célebre escultura da deusa Minerva e os seus xenios que o noiés Xosé Ferreiro creou en 1803 para o frontón da entrada principal da Universidade de Santiago, o edificio que hoxe ocupa a Facultade de Xeografía e Historia. Alí estivo case que un século. Logo pasaría a ocupar o patio do colexio San Clemente, un tanto violentada por estar a ras de chan. Na súa nova ubicación, este gran conxunto escultórico neoclásico acollería as visitas e fotos obrigadas de innumerables grupos nos albores do século XX.

Así chegamos á Fotohistoria de hoxe. Un agasallo inédito do fondo documental do fotohistoriador Carlos Castelao. Viaxamos ao verán de 1913. O Centro Obreiro de Cultura e Beneficencia de Ferrol iniciaba as primeiras «excursións científicas» para os seus socios, unha idea pioneira que buscaba transmitir cultura (arte, ciencia, historia...) para todas as clases sociais. En xullo de 1913, o Centro tomou a decisión de viaxar a Santiago nunha excursión onde irían non só os membros desta sociedade (os 22 da imaxe) mais tamén unha ducia de escolares de San Xoán de Filgueira. E aquí están diante da magnífica escultura atendendo o que parecen as explicacións do terceiro home pola dereita. Trátase de Cayetano Vaello Fernández, Caye, primeiro presidente da coral ferrolá Toxos e flores (1914) e presidente do Centro Artístico Ferrolán. No outro extremo da imaxe, Carlos Castelao conseguiu identificar, entre outros, a Victoriano Taibo García (Santiago, 1885-Vigo, 1966), quen sería mestre, poeta e narrador galeguista, discípulo de Cabanillas e López Abente.

O autor da imaxe é o coñecido fotógrafo compostelán Enrique Guerra, un dos fundadores, por certo, da histórico agrupación Cantigas e Agarimos (1921).

E aquí nos detemos hoxe, como hai un século o fixeron estes excursionistas ferroláns, implorando tamén inspiración a esta nosa Minerva, deusa da sabedoría, das artes, tamén das técnicas da guerra, e patroa dos artesáns. Porque, un 19 de marzo coma hoxe, os romanos principiaban precisamente as festas na honra desta deusa, a «deusa das mil obras», como a chamaría o poeta Ovidio. A Atenea da mitoloxía grega. Ata nós podiamos agora organizar unha merenda diante mesmo de Químicas, baixo a sombra dos cedros, os prunos e as robinias.

editor@alvarellos.info