Os compañeiros de Lorca, e Compostela

Quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

Danse a coñecer novos datos da primeira viaxe do poeta a Galicia

05 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa teño falado aquí, polo menos en dúas ocasións, dun tema que nos apaixona: a relación de Federico García Lorca con Santiago e con Galicia. Levo un ano documentando ben a súa primeira visita á nosa terra, a de 1916, e temos novos datos que este ano 2017 publicarei nun volume. Como avance, estas liñas. E para ilustralas, unha foto xa coñecida, pero que é moi singular: a única imaxe que, ata agora, conservamos daquela viaxe por Galicia de outubro de 1916. Federico García Lorca aparece en segunda fila (terceiro pola esquerda) durante a visita que o grupo de estudantes fixo á Universidade de Santiago. A foto é de Luís Ksado e apareceu publicada nun discreto lugar a fondo de páxina no número 81 da revista Vida gallega en xaneiro de 1917.

Lembremos: Lorca tiña 18 anos a primeira vez que viaxou a Galicia. Era músico e estudante de primeiro curso de Universidade. Participaba nunha «excursión de estudio» (así era como a chamaban) dirixida polo seu mestre da Universidade de Granada Martín Domínguez Berrueta, que o levaría tamén a Castela e León, e veu acompañado por catro compañeiros de carreira (estudaban Letras e Dereito e eran algo maiores ca el, 2-3 anos): Luis Mariscal, Ricardo Gómez Ortega, Paquito L. Rodríguez e Rafael Martínez Ibáñez. Nesta imaxe aparece Federico co seu profesor (no centro), Berrueta, flanqueado este polo reitor da USC, Cleto Troncoso, e polo catedrático González Salgado.

Esta é a historia coñecida. Tamén sabemos (e contamos aquí hai meses) o impacto que produciu Santiago e Galicia no futuro poeta, que escribiría axiña varios textos sobre Compostela e sobre aquela viaxe. Pero ese impacto estenderíase tamén aos seus compañeiros de viaxe. Todos eles deixarían testemuño escrito daquela experiencia, textos que non foron apenas divulgados ata hoxe, e que centran precisamente o cerne desta nosa investigación.

O compañeiro de Lorca Luis Mariscal (terceiro pola dereita, na foto) escribía pouco despois da viaxe que, en Santiago, «todo es coherente, nada disuena aquí: el cielo grisáceo, las colinas verdes, amarillas, encuadradas por montañas oscuras». E do Obradoiro di: «Esta es sin duda la más hermosa plaza de España, comparable con las plazas artísticas de Italia y de Flandes». Tamén quedou Mariscal fascinado por Galicia: «Encantadora toda, como región, como estructura geográfica, como carácter, como población, como lengua, como música (...); es un todo indisoluble».

O almeriense Paquito L. Rodríguez, outro dos estudantes, lembraba así uns anos despois aquela estadía: «Santiago de Compostela nos acoge con su tradicional complaciencia, a la manera de aquellos rancios magnates de la vieja Castilla (...) envolviéndonos en un suave fulgor de transparencias». E Ricardo Gómez Ortega (segundo pola esquerda, a carón de Lorca), entrevistado por Ian Gibson en 1966 na súa casa de Ibiza, lembraría perfectamente diante do biógrafo do poeta a visita ao mosteiro de Conxo e como falaron con algúns internos do, daquela, chamado Manicomio.

Isto é un breve aperitivo do traballo no que ando. Porque, por riba de todo, hai proba documental de que Federico García Lorca decidiu ser escritor, precisamente, despois daquela viaxe. Nada menos.

editor@alvarellos.info