«Elas», unha mostra para reivindicar as mulleres

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

MARCOS CREO

Poderá verse do 2 ao 31 de marzo no Centro Abanca de Cervantes

23 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Elas, a obra de Aurora Marco que reivindica o papel das mulleres na sociedade cun amplo estudo sobre as contribucións das galegas nos diferentes ámbitos de ocupación ata 1975, deu lugar a unha exposición de pintura con ese mesmo interés reivindicativo. Con igual, a mostra poderá verse en Compostela entre o 2 e o 31 de marzo no Centro Abanca Obra Social de Cervantes. E con ela, a visión que do libro de Marco extraeron sete pintoras galegas, as que deron imaxe ás ilustracións do volume. Esas obras son as que se poderán ver na sede cultural de Abanca, segundo se adiantou onte, na presentación no Concello, do libro de Aurora Marco por parte da propia autora e da concelleira de Igualdade, Marta Lois (Compostela Aberta), ao formar parte dita mostra da programación dese departamento. Ensaísta e catedrática de Lingua e Literatura Galega na USC, Aurora Marco leva máis de vinte anos centrada na recuperación da historia das mulleres galegas, segundo espuxo onte, logo de apuntar a súa satisfacción polo resultado da exposición, que xa se puido ver noutras cidades galegas: «As pintoras captaron moi ben o espírito que eu buscaba nesta publicación». As obras que nunha semana estarán en Santiago foron realizadas polas artistas Chelo Rodríguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva Xiráldez, María Manuela, María Xesús Díaz, Novais, Sabela Arias Castro e Vanessa Lodeiro.