Escritores en Lingua Galega homenaxean a Rosalía no acto central dos 180 anos do seu nacemento

SANTIAGO CIUDAD

Álvaro Ballesteros

Políticos  de Compostela, actores , editoras, librarías, a Asociación do Traxe Galego, e a Asociación Cultural e Musical Solfa secundaron a iniciativa

19 feb 2017 . Actualizado a las 16:47 h.

Rosalía de Castro é «un dos símbolos que acrisola aquelo que as galegas e galegos somos e soñamos ser», manifestou Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), na súa alocución no acto central que organiza esta entidade para conmemorar o 180 aniversario do nacemento da autora de Cantares Gallegos. A efeméride será o 24 de febreiro. Porén, desde hai días xa se celebran actividades por todo o país, e nos centros de ensino hai concursos de videopoemas, autogravacións, pequenas representacións teatrais, e outras propostas para lembrar a figura da poeta, e a súa obra, indicou.

Cesáreo Sánchez salientou que por volta de 70 concellos xa declararon esa xornada como Día de Rosalía. Tamén o fixeron as Deputacións provinciais da Coruña e de Lugo, e confía que se sumen as outras dúas, ben como o Parlamento autonómico. E que se concretice a reivindicación que repiten os últimos anos para que o Panteón de Galegos Ilustres sea «laico, de acceso público, e que o seu uso sexa de titularidade pública» sen ter que solicitar «permiso eclesiástico» para poder acceder ás súas instalacións, na igrexa de Bonaval, e organizar actos como o de onte, insistiu o presidente da AELG.

Na homenaxe participaron Jorge Duarte, Agustín Hernández María Antón, Gonzalo Muiños, Milagros Castro e Goretti Sanmartín, como representantes dos gobernos municipais e provincial, e dos grupos que integran a corporación local de Compostela.Tamén asistiron outras representacións políticas, culturais, sindicais e da sociedade civil. Após o saúdo do presidente da AELG, Ledicia Costas leu un manifesto, que elaborou en nome da asociación, e destacou que «imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: Son muller e son g alega. Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que ninguén apague a miña voz. Estou tan viva que os meus versos rabuñan as paredes do panteón de galegas ilustres ata facelas sangrar. Négome a ser unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e contaxiarte».

Alén desta intervención, leron poemas Henrique Alvarellos, en representación da Asociación Galega de Editoras; Pilar Rodríguez, da Federación de Librarías; Pilar Astray Rodríguez, da Asociación do Traxe Galego; Pilar Reino, da Asociación Cultural e Musical Solva; Larraitz Urruzola, César Goldi, Federico Pérez, Josi Lage, Ricardo de Barreiro e Andrea Dunia, de Asociación de Actores e Actrices de Galicia; e Ramiro Torres e Mercedes Queixas, como representantes da organizadora AELG.

A coral da Asociación Cultural e Musical Solfa, de Santiago, interpretou tres temas: «A Rosalía», segundo o poema de Manuel Curros Enríquez; e «Negra Sombra» e «Has de cantar» da propia Rosalía de Castro. O acto finalizou coa ofrenda floral e coa interpretación do hino galego.