Blanco Amor na ruela da Apalpa

Quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

CEDIDA

O escritor ourensán tamén foi un destacado fotógrafo

25 feb 2017 . Actualizado a las 22:56 h.

Un documento notarial recente (de finais do século pasado), consultado grazas ao editor e historiador Juan Conde, deunos noticia, hai un tempo, deste curioso dato que imos revelar. O documento procede da venda (ou aluguer) dun dos locais que forma a calella ou ruela de Entrerrúas (o outro local é o Pazo de Vaamonde, sede do Consorcio de Santiago). Falamos desta emblemática, turística e estreitísima conexión -menos dun metro de ancho- entre a Rúa do Vilar e Rúa Nova pola que todos temos atallado centos de veces. Pois ben, no devandito documento notarial lemos: «Callejón de Entre rúas, llamado antes de la Apalpa».

Que saibamos, este dato da microtoponimia local é descoñecido. E un nome así non pode quedar no esquecemento. Nos tempos no que a luz eléctrica aínda era unha entelequia, quen pasaba por este lugar debía ir, evidentemente... ás apalpas. O pobo axiña bautizou dun xeito tan orixinal a calella. E esta singular denominación é a que debemos recuperar.

Deuse a coincidencia de que, para falar desta «nova» ruela da Apalpa tiveramos un fotógrafo de excepción: Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1897-Vigo, 1979). Artífice de poderosas obras escritas (A esmorga ou Xente ao lonxe son dúas das grandes, ambientadas no seu Ourense natal), tivo a Compostela como presenza constante na súa vida.

Un libro editado polo Consorcio de Santiago hai xa dúas décadas reúne a obra xornalística de Blanco Amor e Compostela. A cargo da profesora María Teresa Araújo, descubrimos nel que esta cidade engaiolou ao escritor dende os seus anos mozos, ata os días derradeiros: «Acabo de estar en Santiago (...), la ciudad-patria de todos los gallegos, la única que en Galicia trasciende su encanijante localismo». Este piropo botaba a Compostela a finais dos anos sesenta.

A fotografía era algo máis que unha afección para don Eduardo Blanco Amor. Importante faceta descuberta non hai moito, cun fondo gráfico enorme, custodiado hoxe na Deputación Provincial de Ourense. Esta rúa da Apalpa é unha das imaxes da colección. Por suposto, non aparece referida así, senón como «Entrerrúas. Santiago de Compostela».

Blanco Amor faría cadernos de viaxe fotográficos ao longo de toda a súa vida: Marrocos, Chile, Bos Aires... e Compostela. A imaxe da Apalpa puido ser obtida ben nos anos 30 ou quizais nos 50.

«A capital de Galicia é Santiago, que é unha cidade sen antecedentes penais», afirmaba o escritor/fotógrafo ourensán pouco tempo antes de falecer.

Aquí deixamos esta pequena descuberta toponímica cun encadre fotográfico ben singular tamén, tan moderno, co que nos agasalla Blanco Amor. Una ruela ou calella da que agora sabemos o seu nome popular, o seu nome único, lóxico e verdadeiro. Apálpaa, lector, lectora, hoxe, e reescribe, rescata, cos teus pasos, a historia.

editor@alvarellos.info