Taxa Turística en Compostela: un debate sen prexuízos

MARTIÑO NORIEGA, ALCALDE DE SANTIAGO OPINIÓN

SANTIAGO CIUDAD

15 ene 2017 . Actualizado a las 12:16 h.

París, Roma, Barcelona, Berlín e Ámsterdan son cinco dos destinos máis visitados de Europa. Cinco cidades con millóns de visitantes que comparten unha ferramenta para que os beneficios do turismo repercutan no conxunto da cidadanía local: unha taxa turística por facer noite. Existe un amplo listado de cidades e países que contan con diferentes modelos de taxa turística. Estas taxas achegan recursos para o mantemento dos destinos que, como sabemos, requiren dunha serie de gastos a maiores en múltiples ámbitos como limpeza e mantemento de espazos, servizos públicos, seguridade… Sen taxa, estes gastos a maiores asúmeos a cidadanía local co pago dos seus impostos. Tamén a promoción internacional do destino turístico require de importantes investimentos públicos, que se detraen doutros ámbitos de actuación tamén importantes.

Santiago viviu no 2016 un gran ano, con récords históricos no aeroporto, no Camiño e nas pernoctas na cidade. A previsión é que a curto e medio prazo consolidaremos e mesmo incrementaremos estas cifras. Neste contexto de crecemento e situados xa no horizonte do Ano Santo 2021 temos a responsabilidade de integrar a gobernanza do turismo no marco dunha realidade habitable e sustentable contando coa implicación da veciñanza. Mirando o futuro con optimismo, chegou o momento de reflexionar con obxectividade sobre a pertinencia de introducir esta taxa turística que permita que o propio éxito de Santiago reverta no coidado da cidade e dun xeito máis transversal no conxunto da cidadanía. A xestión do turismo é un reto de cidade para consolidar a cidade desexada. Compostela distínguese pola súa continua capacidade de sorprender. A cultura, a música, o coñecemento, as persoas, o Camiño... todos son motores da cidade e do seu territorio. A cidade real, a súa identidade e o seu dinamismo son a base do seu atractivo. A actividade turística segue contribuíndo ao éxito económico de Santiago pero debe facelo achegando recursos para a mellora da calidade de vida da veciñanza, co mantemento dos espazos e os barrios da cidade. E todo isto, pasa por ter a ferramenta necesaria.

Comprendendo e respectando as reticencias que pode haber diante desta taxa pensamos que é o momento idóneo para que poidamos estudar dende as administracións públicas, en especial conxuntamente coa Xunta de Galicia, que ten a competencia específica para iso, co sector privado e coa propia cidadanía, a introdución dunha taxa turística en Santiago de Compostela.