Estalote na cidade eterna

QUIQUE ALVARELLOS

SANTIAGO CIUDAD

cedida

O autor é un fotógrafo que ata hai poucos meses era un descoñecido

15 ene 2017 . Actualizado a las 11:43 h.

Hai poucas imaxes que debuxen con tal precisión toda unha época. Esta é unha delas. Seis nenos deslizándose entre a Quintana dos Vivos e a Quintana dos Mortos. Quen os empuxou aínda permanece co aceno do esforzo, conxelado arriba, na Quintana dos Vivos. Mentres, á esquerda, un home (o avó dalgún deles, quizais?) semella o contrapunto: le o xornal do día aparentemente alleo ao espectáculo infantil que escorrega diante, polas escaleiras máis famosas de Compostela. As pedras e a cidade eterna toda coma un xogo. A praza da Quintana dos anos 50 e 60 como lugar común para a diversión infantil.

O autor é un fotógrafo que ata hai poucos meses era descoñecido para o público. Trátase de Ramón Sánchez Estalote (Santiago, 1908-2002). A súa historia e unha selección das súas mellores fotografías veñen de integrar unha nova publicación do Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións titulada Ramón Sánchez Estalote. Memoria dun tempo, elaborada con mestría por Mercedes Rozas. Ao libro precedera, hai un ano, unha exposición, como avance do que agora vén de quedar impreso.

Estalote é todo un descubrimento para a cidade. Mercedes Rozas defíneo como fotógrafo intuitivo, honesto, espontáneo. E afirma: «Moncho imaxinaba a fotografía cun lirismo delicado, ás veces diríase que fráxil (...), consciente de estar a perfilar a memoria dunha época que día a día e durante anos foi gardando nunhas vellas caixas de zapatos». Porque así foi. Nunhas caixas de zapatos que abriron, e deron para a súa publicación, os sobriños do artista. Nelas había ouro puro. Estaba, conxelada no tempo, a Compostela de varias décadas do século XX. Nesta coidada e impactante publicación destaca a serie fotográfica completa dedicada á visita de Eva Perón en 1947 (da que, nestas Fotohistorias, xa avanzáramos, hai uns meses, un par de disparos), dez imaxes de puro fotoxornalismo. Tamén, as estampas do mercado e da feira en Santa Susana, encadres que conectan coa obra por aqueles días (anos 40 e 50) do pintor Carlos Maside, como apunta a autora.

Era unha cidade en plena transición: por unha banda, entre o mundo rural e o urbano; por outra, entre as pedras lúdicas por onde esvaraba a infancia, e a cidade patrimonio da humanidade que é hoxe, máis monumental, visitada e protexida, sen dúbida (e en democracia!); pero menos doméstica e espontánea a pé de rúa, quizais.

En fin. A nostalxia das vellas imaxes e dos anos aurorais...

editor@alvarellos.info

Ramón Sánchez Estalote. Memoria dun tempo