Sky: precursores do pop

quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

Alfonso Espiño

O grupo compostelán inaugurou o Hostal dos Reis Católicos en 1954

22 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se chamaba aínda rock nin pop o que eles facían, senón música moderna, pero foron uns pioneiros en Santiago e Galicia, e mesmo non sería esaxerado dicir que en toda España. Falamos do xa mítico grupo compostelán Sky. A fotohistoria de hoxe é inédita. A imaxe pertence ao investigador Alfonso Espiño, quen prepara, como traballo de tese, a historia do Beat, pop e rock en Santiago de 1954 a 1978.

Estamos quizais no «Km 0» da música moderna nesta cidade. A data: 24 de xullo de 1954. Inaugúrase, con toda a pompa, o Hostal dos Reis Católicos, o gran Parador Nacional que se ergue no exuberante edificio barroco que acollera, durante cinco séculos, o hospital de peregrinos de Santiago. No acto, algo soará distinto ás habituais melodías da época (copla ou canción española, en xeral): aquí, un novo grupo, acabado de formarse na cidade, espile estas pedras tan quedas, cuns aires musicais descoñecidos polo persoal: melodías que beben do jazz francés e da música italiana e latina. Son os Sky. Un quinteto... de estrelas.

Ímolos citar, coma se estiveramos presentando a banda en concerto: á batería, acordeón e voz, Eugenio Macías (aplausos); contrabaixo e violín, Luís Reiriz; na guitarra electrificada, Saturio Fuentes; no clarinete, Jaime Pérez, e no piano, Javier Posada. E como director artístico da banda, Carlos Vázquez (aplausos finais).

Diante do grupo, uns atrís de madeira ao máis puro estilo Festival de San Remo e unha posta en escena e unha estética que xa fan adiviñar o que será o rock e o pop dos sesenta. A imaxe foi tomada por aqueles días de 1954, pois é a formación orixinal do conxunto, e nunha actuación probablemente no Casino.

A volta ao mundo

«Santiago tamén tivo a súa revolución pop, e iso é precisamente o obxecto da miña investigación -coméntanos Alfonso Espiño-. Os universitarios e o Camiño de Santiago foron os piares onde se asentou este movemento». E os Sky serían, sen dúbida, os primeiros. Xuntáranse por vez primeira en setembro do 53 no Bar Carballeira da rúa do Vilar. No Hostal permanecerían como banda fixa durante un ano e medio, antes de iniciar a súa carreira por Madrid, logo en Torremolinos entre 1957 e 1960, ata que, na década dourada do pop, o empresario José María Ybarra Lasso de la Vega os contrata para actuar en cruceiros: «Botan seis anos dando a volta ao mundo. O soño de calquera banda de pop», comenta Alfonso.

A finais dos sesenta regresan a Madrid e o grupo disólvese en 1969. Pero non acaba aquí a historia. Sucede que ese mesmo ano 1969, o contrabaixo dos Sky, Luís Reiriz, monta un grupo chamado Os Dancers onde xunta a músicos de procedencia ye-yé e logo incorpora a dous fillos del. E os novos «Sky» pasan a se converter na banda fixa do Hostal dos Reis Católicos. Ou sexa, o círculo estaba pechado. O espectáculo continuaba. E Santiago seguía a bailar a música dun novo tempo.

[Por certo, a fotografía contén no reverso esta dedicatoria: «A nuestra simpática admiradora ‘Isa’ con un saludo del Conjunto Sky»].